Que ver en Corcubión

Corcubión, terra de sosego e bravura

Patrimonio Cultural

Igrexa de San Marcos

Patrimonio arquitectónico

Localización

Praza Párroco Francisco Sánchez

Cronoloxía

 

  • Capela maior: século XIV
  • Nave e bóveda: segundo cuarto do século XV
  • Capelas do cruceiro e sancristía: primeiro terzo do século XVIII
  • Segunda sancristía, baptisterio e fachada: último cuarto do século XIX

Estilo

gótico mariñeiro, excepto as capelas do cruceiro que son barrocas e a fachada que é neogótica

Autores

só se coñece o autor da fachada neogótica: Domingo Rodríguez Sesmero

Estrutura arquitectónica

a igrexa organízase nunha planta de salón rectangular, de nave única, e unha capela maior rectangular. A nave divídese en catro tramos mediante tres arcos apuntados con arestas. Os arcos repousan en semicolumnas rematadas en capiteis decorados con follas talladas esquematicamente. A nave leva unha cuberta de madeira a dúas augas. A Capela Maior cóbrese con bóveda cupuliforme (de influxo bizantino) que vai sobre nervios diagonais volteados sobre columnas encostadas

A igrexa de San Marcos está declarada Ben de Interese Cultural. Conserva restos románicos dun tempo anterior na capela maior, así como nos seus canzorros. A maioría da construción pertence á época gótica e foise construíndo, dende principios do século XIV en varias etapas. Xa a comezos do século XVIII constrúense as capelas do cruceiro. A do lado da Epístola dedicouse a Nosa Señora do Socorro e ás Ánimas. Foi fundada por Phelipe de Pazos e a súa dona Lucía Freire de Andrade. A do lado do Evanxeo está consagrada á Virxe do Carme e foi fundada por Francisco de Navas y Espínola en 1715, tal como indica a inscrición da rosca do arco de ingreso.

Esta igrexa pasou por varios desastres, sendo o primeiro deles o causado polo ataque das tropas napoleónicas a Corcubión durante a Guerra de Independencia en 1809. Neste ataque arrasaron a vila e a igrexa non se librou, incendiándose todo o seu interior. Debido á mala situación económica da vila naquel momento, a reparación non se puido realizar ata 1811. Posteriormente a torre da igrexa viuse afectada, en 1833, por un furacán, que abateu a torre da igrexa ata a campá e parte da tribuna. Logo, en 1969, caeu un raio sobre a torre que tamén a danou. Pero o máis grave aconteceu o 19 de marzo de 1885, día de San Xosé. Durante a función caeu outro raio na parte superior central da torre que fixo que esta se derrubase sobre a fachada e o teito do tempo, destruíndo parte da fachada, a parede meridional e o remate do altar maior, e afundindo o primeiro treito da nave e rompendo tódolos cristais e campás.

A igrexa parroquial de Corcubión está presidida pola impresionante imaxe de San Marcos da Cadeira, unha talla gótica da escola veneciana datable na segunda metade do século XV.

Igrexa de San Marcos
Igrexa de San Marcos
Igrexa de San Marcos
Igrexa de San Marcos
Igrexa de San Marcos, Corcubión