Que ver en Corcubión

Corcubión, terra de sosego e bravura

Patrimonio Cultural

San Marcos da Cadeira

Patrimonio etnolóxico

San Marcos é o patrón de Corcubión. Chámase “San Marcos da cadeira” porque se representa en actitude sedente.

Nesta imaxe vemos un home barbado, de idade avanzada, sentado nunha cadeira ornamentada flanqueada polos escudos dos Moscoso (cabeza de lobo) e os Castro (seis roeis). Con melena rizada, cóbrese cun bonete liso. Ten un libro aberto entre os xeonllos no que está a escribir con pluma. Leva unha túnica e un manto prendido cun broche en forma de roseta. Ten un león alado aos pés, símbolo que se corresponde co evanxelista San Marcos.

Conta a tradición que a imaxe chegou a Corcubión por vía marítima. Di a lenda que un día chegou a Corcubión un veleiro que entre o seu cargamento traía unha imaxe de San Marcos, imaxe que iría con destino a algún porto europeo. O motivo da entrada dese barco en Corcubión debeuse ao mal tempo. Pero unha vez que foi amainando o temporal, e cada vez que o barco intentaba continuar a súa travesía, o mal tempo comezaba de novo. Despois de varios intentos, a tripulación comezou a inquietarse e, ante un temor relixioso, conseguiron convencer ao seu capitán de que, quizais, deixando a imaxe de San Marcos en terra o temporal remitise. Finalmente, ao deixar a San Marcos en Corcubión o barco puido botarse de novo ao mar e continuar a súa viaxe.

Existe outra versión desta lenda que di que a imaxe era o mascarón de proa dun barco veneciano que os seus tripulantes tiraron ao mar, sendo recollida polos pescadores da vila que fixeron del o seu patrón.

Segundo un ex-administrador dos Condes de Altamira, esta imaxe procedía de Venecia. O historiador da arte López Vázquez afirma que se trata dunha talla gótica, da segunda metade do século XV, feita nun obradoiro escultórico italiano. Hai probas de que os navíos venecianos e xenoveses chegaban forzados aos portos da Costa da Morte seguindo a ruta comercial a Flandes, así como tamén os buques da nosa zona se desprazaban aos mercados de fretes de Xénova. Os símbolos heráldicos que aparecen na imaxe correspóndense cos Moscoso e os Castro e é moi probable que a talla chegase de Italia, xa que os Condes tiveron familiares que desempeñaron cargos políticos e militares naquelas terras.