Localización
Corcubión, terra de sosego e bravura
Onde Estamos
O Concello de Corcubión está situado no extremo oeste de Galicia, sendo a nosa ría a máis alta das Rías Baixas e formando parte da denominada Costa da Morte.
Corcubión é, polo tanto, terra de transición entre o sosego e calma das Rías Baixas e a bravura e a natureza viva propias da Costa da Morte.
O noso Concello é un dos máis pequenos de Galicia. Ten unha extensión de 7,6 km2 e unha poboación duns 1600 habitantes. Esta constituído por dúas parroquias: a de San Marcos de Corcubión (a zona urbana) e a de San Pedro de Redonda (zona rural).
En coche
Dende A Coruña
a ruta máis rápida é tomar a autopista de pago AG-55 A Coruña – Carballo, dende a que se enlaza directamente coa autovía da Costa da Morte, sen necesidade de tomar ningún desvío. Ao rematar a autovía, na rotonda tomamos a primeira saída para continuar pola AC-552, en dirección a Vimianzo e a Fisterra. Continuamos por esta estrada durante aproximadamente 32km e chegaremos a Corcubión.
Dende Santiago de Compostela
a ruta máis rápida é tomando a AG-56/N-550 Pontevedra-Noia. Incorporámonos a AG-56 en dirección Noia e, despois duns 6km, tomamos a saída 7 cara AC-544/CP-0203, en dirección Bertamiráns Norte/Negreira/Ames. Na rotonda collemos a segunda saída, incorporándonos á AC-544, en dirección Negreira/Muxía. Continuaremos pola AC-544 durante uns 12km, tomando sempre a segunda saída nas rotondas que vaiamos atopando. Despois debemos continuar pola AC-546, tomando a segunda saída na rotonda en dirección AC-546 A Pereira/ AC-552 Cee. Dende aquí continuamos todo recto pola AC-546 durante uns 13km: pasaremos por una pequena rotonda que debemos seguir de fronte e, moi pouco despois, chegaremos a outra algo máis grande na que tamén seguiremos de fronte, tomando a segunda saída en dirección AC-441 Brandomil/Muxía. Dende aquí continuamos 21km, para despois virar a esquerda en A Boudañeira, tomando o desvío en dirección AC-442 Berdeogas/Dumbría. Continuamos uns 4km ata chegar a un desvío onde xiraremos á esquerda para tomar a AC-552 en dirección Cee/Corcubión/Fisterra, que é a estrada que nos levará ata Corcubión.
Outra opción para vir desde Santiago de Compostela ata Corcubión é pasando por Noia, Muros, Carnota, etc. É un percorrido máis longo pero bordeando toda a costa.
En autobús
Dende A Coruña
pódese chegar a Corcubión coa empresa de transporte Arriva Galicia. Existen varias frecuencias ao longo do día para chegar dende a cidade herculina ata Corcubión, tomando o autobús que fai a ruta A Coruña-Fisterra. Ten unha duración aproximada dunha hora e corenta e cinco minutos. Pódense consultar os horarios destas rutas a través da páxina web https://arriva.gal/.
Dende Santiago de Compostela
pódese chegar a Corcubión coa empresa de transporte Monbus. Esta compañía fai a ruta dende Santiago de Compostela a Fisterra, a cal ten unha duración diferente dependendo do seu percorrido: se o autobús pasa por Noia tarda aproximadamente tres horas en chegar a Corcubión; se non vai por Noia tarda, máis ou menos, dúas horas. Pódense consultar os horarios destes percorridos na páxina web de Monbus: http://www.monbus.es/es.
En avión
Dende os aeroportos galegos as distancias a Corcubión son as seguintes.
- Aeroporto de Lavacolla, en Santiago de Compostela: a 88km
- Aeroporto de Alvedro, na Coruña: a 100km.
- Aeroporto de Peinador, en Vigo: a 153km.
En tren
Non contamos con servizo de tren ata Corcubión, sendo as estacións de tren máis próximas as seguintes:
- Estación de tren de Santiago de Compostela: a 74km
- Estación de tren de A Coruña: a 95km.