Que ver en Corcubión

Corcubión, terra de sosego e bravura

Patrimonio Cultural

Fábricas de salgadura

Patrimonio industrial

Tal e como explica Santiago Llovo Taboada nas primeiras páxinas do seu libro As salgaduras de Carnota, a comezos do século XIX era frecuente chamar almacéns ou fábricas de sardiña ás fábricas de salgadura. Isto era debido a que a sardiña era o principal produto que contribuíu ao desenvolvemento económico da zona costeira galega, se ben tamén se secaban e afumaban outros peixes coma o congro, a pescada ou o polbo.

Na transformación da nosa costa tiveron moito que ver os chamados fomentadores cataláns, que xa desde mediados do século XVIII foron chegando ás nosas rías. Nun principio viñan só traballar durante a temporada da sardiña, regresando despois á súa terra co produto elaborado. Pero xa a finais do século XVIII e principios do XIX os cataláns empezaron a construír compañías para explotar a sardiña e asentáronse en Galicia construíndo salgaduras de pedra, aínda que, ao principio, instaláronse en lugares onde xa había algunha actividade pesqueira e que contaban con boa defensa, como era o caso de Muros, Fisterra ou Corcubión.

Unha construción tradicional de salgadura adoitaba contar coa vivenda á fronte, a salgadura cos píos nun lateral e o sistema de prensado (“o morto”) no outro, separados por un espazo que se chamaba “claro”. Cando as lanchas e galeóns varaban nas praias ou atracaban nos pequenos peiraos, carrexábase o peixe ata a salgadura e envorcábase nos píos, que nun principio eran redondos e de madeira, pero xa máis adiante, coa chegada dos cataláns, pasaron a facerse de grandes lousas de granito.

O sistema tradicional galego de conservación da sardiña en sal requiría o seu escochado (sacar a cabeza e as tripas ás sardiñas, unha a unha), aínda que o salgado era diferente dependendo da súa finalidade: se era para autoconsumo do mariñeiro e da súa familia salgábase e deixábase nos píos ata que se consumía; se era para a venda, despois do seu escochado e lavado, a sardiña tiña que estar nos píos con sal durante vinte e catro horas e, despois, colocábase nos tabais por capas alternando con sal e sen prensar. En cambio, co sistema introducido máis adiante polos cataláns xa non era preciso o escochado da sardiña, senón que esta colocábase enteira nos píos que estaban mediados de auga con sal (o que queda claro era que con calquera dos dous sistemas o que se precisaba era unha gran cantidade de sal). Despois de estar a sardiña nos píos en salmoira o tempo correspondente, extraíanse, lavábanse e ensarillábanse; a continuación introducíanse ordenadamente nos tabais e, de seguido, prensábanse.

En canto as fábricas de salgadura en Corcubión, sábese que existían, polo menos catro na zona de Quenxe, unha en Boca do Sapo, unha na Illa Lobeira Grande e varias na vila. O que non se sabe con certeza é se todas chegaron a funcionar, como é o caso, por exemplo, do edificio que ata hai uns anos albergaba o Museo Marítimo Seno de Corcubión. Este edificio foi construído, inicialmente, como fábrica de salgadura, mais non hai constancia de que funcionase como tal.