Historia de Corcubión

Corcubión, terra de sosego e bravura

Época Contemporánea

No século XX Corcubión sofre a emigración como o resto de Galicia. Unha mostra desta intensa emigración, principalmente a Bos Aires, é a constitución na capital arxentina da Sociedade Agraria e Cultural dos Fillos do Partido de Corcubión (1923), que máis tarde pasou a chamarse Asociación Benéfico Cultural do Partido de Corcubión, chegando a ter máis de 3000 socios. Mostra da súa actividade cultural foi a publicación da Revista Alborada ou a construción de numerosas escolas no territorio do Partido.

Destaca nesta época a familia Miñones, pois eles foron os que se beneficiaron directamente da emigración, xa que monopolizaban o negocio do transporte ultramarino. Esta familia terá un papel importante tanto na vida política como na vida económica de Corcubión, sendo D. Manuel Miñones Barros a figura de maior relevancia dentro da familia.

Outra familia destacada da sociedade corcubionesa foi a dos Carrera. José Carrera foi o prototipo de “indiano” que emigrou moi novo a América Latina e alí amasou unha gran fortuna, pero nunca esqueceu a súa terra natal, deixando no seu testamento importantes donativos para esta súa terra de orixe.

Na actualidade Corcubión é cabeza de Partido Xudicial e concentra a maioría dos servizos administrativos. Hoxe en día a vila segue a ter un certo “encanto burgués” herdado do seu pasado. A súa declaración como Conxunto Histórico-Artísico en 1984 contribuíu a mellorar a súa conservación e o seu desenvolvemento turístico. Tamén foi declarada Municipio Turístico Galego pola Xunta de Galicia no ano 2000. Cabe dicir tamén que, anteriormente, en 1964, Corcubión recibiu o “Premio Nacional Conde de Guadalhorce” ao embelecemento das travesías de poboacións situadas na Ruta Xacobea. Pouco despois, en 1967, recibiu o “Premio Nacional de Turismo e Embelecemento e mellora dos Pobos Españois”.

Todas estas declaracións indican o gran patrimonio cultural que ten Corcubión. As súas rúas son testemuña dun importante pasado materializado no seu rico patrimonio onde o relixioso, o civil e o popular conviven en perfecta harmonía.