Que ver en Corcubión

Corcubión, terra de sosego e bravura

Patrimonio Cultural

Capela do Pilar

Patrimonio arquectónico

Localización

Rúa Antonio Porrúa, 5

Cronoloxía

1931

Estilo

ecléctico

Situación xurídica

propiedade do Concello de Corcubión

Esta capela presenta unha planta rectangular, con nave única e unha pequena sancristía detrás do espazo do presbiterio. Aos pés ten unha pequena tribuna de madeira. A nave está cuberta con bóveda semicircular reforzada con arcos faxóns que descansan sobre pilastras de orde xigante feitas en formigón.

Foi mandada edificar por Pilar Hermida Orbea como dependencia anexa ao “Asilo de Ancianos Pobres Desamparados”, construído en 1925 en memoria do seu home, don Emilio Alonso, cos fondos que familia Riestra Figueroa lle deixara a este para tal fin. Esta fundación benéfica continuou en activo ata mediados dos anos oitenta, no que soamente contaba con catro persoas acollidas dada a precaria situación hixiénica e de seguridade das instalacións.

Na capela repousan os restos de Emilio Alonso e dos seus familiares, Dona Ana, Dona Joaquina e Don Laureano Riestra, así como os da propia fundadora, tal e como recorda unha placa conmemorativa situada nun dos laterais do presbiterio.

En 1989 o edificio foi rehabilitado polo concello para ser Auditorio Municipal, aínda que a posterior construción da Casa da Cultura relegou á Capela do Pilar desta función. Actualmente utilízase para a realización de actividades culturais polos veciños de Corcubión.