Que ver en Corcubión

Corcubión, terra de sosego e bravura

Patrimonio Cultural

NAUFRAXIOS

Patrimonio subacuático

De sobra son coñecidos os numerosos naufraxios que aconteceron na Costa da Morte ao longo do tempo. Algúns por temporais, outros por avarías, o certo é que son moitos os restos de buques que se localizan no fondo das nosas costas.

Na ría de Corcubión tamén foron numerosos os naufraxios. É de destacar a zona do Carrumeiro Chico, coñecida como “O Cemiterio dos barcos gregos” polos diferentes afundimentos de vapores desta nacionalidade, como o Manoussis (23 de maio de 1920), Constantinos Pateras (10 de maio de 1922), Maria Kastanou (maio de 1930) ou Mount Parnes (14 de febreiro de 1935). Ademais destes buques gregos, houbo naufraxios neste lugar de barcos doutras nacionalidades entre os que destacan o ruso Marie (28 de xaneiro de 1910), o noruegués As Langford (23 de outubro de 1907) ou os ingleses Rosalie (7 de outubro de 1905) e Albión (2 de maio de 1908).

De entre os barcos afundidos nas augas que rodean Corcubión son de destacar os seguintes:

  • O galeón San Jerónimo, pertencente á Armada de Padilla, afundiu na Punta do Diñeiro (entre o Cabo Cee e o Cabo da Nasa), en 1595.
  • A balandra inglesa Abeana: entrou de arribada a finais de xaneiro de 1821 e afundiu o día 8 de febreiro cando intentaba facerse de novo á mar na costa de Redonda.
  • A balandra francesa Societé de Saint Malo afundiu o 23 de setembro de 1822 na costa de Redonda. Neste suceso faleceu o capitán, cuxo cadáver apareceu na praia de A Mariña, onde foi enterrado.
  • O bergantín asturiano Arrogante afundiu o 7 de abril de 1856 nas inmediacións da Punta de Quenxe. A súa tripulación foi socorrida nunha das fábricas de salgadura que había na praia, propiedade de don Agustín Sagristá.
  • A brick-barca portuguesa Rio Ave, afundida entre A Mariña (pasando o Cabo Cee) e o Cabo da Nasa o 4 de xaneiro de 1857.
  • O laúde español, de matrícula de Villajoyosa, chamado Joven Ignacio, afundiu o 8 de novembro de 1871. Esta embarcación entrou con lume na súa carga de carbón e para intentar salvalo foi varado na praia de Corcubión; pero como o lume non se apagaba a solución foi facerlle uns barrenos no casco para que entrase a auga, polo que finalmente quedou somerxido.
  • A corveta española Sisarga, con matrícula de Coruña, varou na Punta de Quenxe despois de entrar na ría con avarías. Na madrugada do 3 ao 4 de febreiro de 1872 quedou de novo a flote e á valga, pero acabou afundíndose nas inmediacións do novo peirao.
  • O vapor inglés Derwentwater afundiu o 14 de novembro de 1890 na Illa Lobeira.
  • O bergantín-goleta María Joaquina, de bandeira española e matrícula de Vigo, afundiu a principios de xaneiro de 1895 na Illa Lobeira.
  • O vapor Nuestra Señora del Carmen, perdido o 3 de novembro de 1901 nunha zona preto do Cabo Cee, entrou na ría para facer carbón e, tras tocar fondo, producíuselle unha vía de auga que causou, finalmente, o seu afundimento.
  • O vapor grego Polynnia afundiu na Illa Lobeira o 11 de xuño de 1904.
  • A goleta María Segunda, con matrícula de Muros, foi arremetida polo vapor noruegués Reim cando ambos abandonaban a ría nas proximidades do Carrumeiro Grande o 15 de xullo de 1910. Non houbo vítimas, mais este último vapor non prestou axuda á tripulación que conseguiu poñerse a salvo nun bote que levaban a bordo.
  • O vapor inglés Cisneros entrou en Corcubión o 4 de abril de 1925 cun incendio a bordo de grandes proporcións. Foi varado preto da praia da Seca, na veciña vila de Cee (enfronte de Corcubión). Debido ao alcance do incendio quedou inservible para a navegación, polo que foi, finalmente, despezado na praia de Corcubión, entre as escaleiras que hai preto do peirao e o recheo.
  • O vapor inglés County of Cardigan traía unha vía de auga e o capitán, para intentar salvalo, embarrancouno nas inmediacións do Cabo Cee o 20 de maio de 1925. Viña cargado con 500 toneladas de millo procedente de Braila (Rumanía). Nos días posteriores o temporal fixo que o mar lle causase graves danos no casco que fixeron imposible o seu salvamento; aínda así, puido recuperarse parte da carga de millo.
  • O pontón Sorrento, unha antiga corveta italiana usada como depósito flotante de carbón, foi a pique no mes de xaneiro de 1927 no seu fondeo por unha vía de auga, estando cargado de carbón, preto da Punta de Quenxe. Os restos aínda se atopan no mesmo lugar no que afundiu.