Onde aloxarse
Corcubión, terra de sosego e bravura
ALBERGUE MUNICIPAL "SAN ROQUE"
Albergue Municipal "San Roque"
Lugar San Roque, s/n
15130 Corcubión (A Coruña)
+34 679 460 942
info@amigosdelcamino.com

14 prazas. Dereito a cea e almorzo. Albergue de donativo

Como chegar

O Albergue Municipal San Roque está situado no campo que leva o mesmo nome. Saíndo deste albergue e camiñando pola estrada á dereita chegamos á AC-445. Debemos cruzala con moito coidado, xa que non hai paso de peóns, para continuar de fronte polo lugar de O Vilar. Este camiño é parte da prolongación do Camiño de Santiago ata Fisterra, pero imos percorrelo en sentido contrario. Rapidamente chegamos ao lugar de O Vilar, onde tamén hai gran cantidade e hórreos e varias mostras interesantes de arquitectura popular.

Desde alí ata a vila de Corcubión hai algo menos de 1 km, que se percorre en permanente baixada. Se continuamos seguindo o Camiño de Santiago (en sentido contrario), á esquerda, unha vez que pasamos as casas situadas neste traxecto, debemos tomar a pista que baixa á dereita na bifurcación. Así camiñaremos uns minutos por unha ampla pista de terra polo monte de Corcubión, gozando dunhas fermosas vistas da ría. Ao final desta pista de terra chegamos ao núcleo de Corcubión. Seguido pola esquerda alcanzaremos a Capela de San Antonio, situada no campo que leva o seu mesmo nome e onde podemos observar tamén un cruceiro.

A continuación baixamos á dereita por unha rúa estreita e empinada (a Rúa Perigos) que baixa cara o sur e o centro da vila. Merece a pena pola súa singularidade e por algunha das casas que hai nela, como o é o Antigo Pósito Marítimo.

Baixando ata o final desta rúa desembocamos na Rúa Rafael Juan e continuamos ata a Rúa Antonio Porrúa. Ambas formaban parte da vella Rúa Real, que antigamente cruzaba toda a vila, onde atopamos bos exemplos de vivendas tradicionais corcubionesas e casas brasonadas como son a Casa Castreje ou o Pazo dos Dios e Pose, así como a Capela do Pilar.

Se continuamos avanzando chegamos á Praza de Castelao, na que podemos observar a “Casa do Pirata” ou a Casa Miñones, outra das edificacións singulares desta vila mariñeira. En fronte atopamos unha das fontes públicas que aínda existen en Corcubión: a fonte dos catro canos. Á dereita do palmeiral nacen varias rúas moi pequenas que chegan ata a Casa do Concello, o Edificio José Carrera. Desde a praza do concello (Praza José Carrera), podemos coñecer a parte “traseira” de Corcubión, moi rica en recunchos, cando menos, particulares. Recomendamos ao visitante que se perda un pouco por esta zona, tendo sempre como referencia a Praza de Castelao.

Regresamos, de novo, á Praza de Castelao. Aínda queda gran parte do núcleo urbano de Corcubión por visitar. Mirando ao sur hai tres rúas que parten da praza. A máis próxima ao mar é a Rúa San Marcos. Nela atopamos, á esquerda, o Pazo dos Condes de Altamira, propiedade e morada dos antigos señores de Corcubión e desde onde se administraba a xurisdición sobre máis de vinte parroquias. Esta xurisdición era una mestura do xulgado e do que é actualmente o concello, con atribución na recadación de impostos e nas levas de soldados. Se avanzamos por esta rúa podemos admirar outras casas relevantes ata chegar á Praza Párroco Francisco Sánchez, onde se encontra a Igrexa de San Marcos. Ademais da igrexa, podemos admirar unha das prazas máis fermosas da vila e un exemplo de Casa do Patín como o é o Pazo dos Lamas.
Continuamos pola rúa que sobe, a Rúa das Mercedes. No medio dela, diante dunha praciña pequena cun cruceiro, pódese admirar unha das casas brasonadas que ten Corcubión: a Casa dos Obregón (coñecida tamén como Casa Teixeira).

De seguido chegamos ao Campo do Rollo, praza recollida onde se atopa o parque infantil. Volvemos recomendar aos visitantes que se perdan un pouco polas rúas desta parte de Corcubión e descubran os recunchos singulares que se poden atopar.

Desde o Campo do Rollo, continuando un pouco cara o sur, está situado o antigo (Pazo de Antonio de Leira e Castro, unha importante figura que destacou por ser vicecónsul de Inglaterra en Corcubión, alcalde desta vila e factor durante a guerra contra os franceses, ademais de concederlle patente de corso o rei Carlos IV en 1800.

Desde aquí volvemos sobre os nosos pasos ao Campo do Rollo e descendemos en dirección norte. A primeira casa á esquerda é o edificio do Antigo Xulgado do Partido. Situándonos diante da fachada do Antigo Xulgado (mirando cara a Praza de Castelao), continuamos á esquerda ata chegar á Praza Médico Ramón Carrera, onde nos atopamos coa Casa de José Sendón, de sobria fachada presidida por un brasón, e algún outro exemplo interesante de casa tradicional. Desde aquí, por unha pequena canella, baixamos outra vez á Praza de Castelao.

A pouca distancia está o porto de Corcubión, onde se atopa o edificio do Antigo Cárcere do Partido. Para chegar alí cruzamos a estrada ata o miradoiro de Don Benigno Lago, caracterizado por un longo banco de azulexos, e camiñamos uns metros á dereita polo paseo marítimo. No porto poden verse as chalanas e botes, nasas e o resto de aparellos de pesca que utilizan os mariñeiros da vila. Aquí están situados o edificio do Club Náutico e a lonxa.

Unha vez situados no porto podemos decidir regresar de novo ao albergue ou prolongar o percorrido ata a Praia de Quenxe:
-    Para regresar ao Albergue Municipal San Roque desde o porto o máis fácil é volver á Praza de Castelao desde o porto e subir á esquerda pola Rúa Pepe Miñones ata chegar á praza do Campo do Rollo (onde está o parque infantil). Desde aquí só nos queda seguir as cunchas amarelas do Camiño de Santiago a Fisterra para regresar de novo ao albergue.
-    Se decidimos ir ata a praia de Quenxe (ida e volta desde o porto son, aproximadamente, 2km) debemos cruzar o porto e continuar polo paseo marítimo que avanza ata chegar á Praia de Quenxe, pasando polos restos do estaleiro de A Viña. Para volver ao albergue San Roque desde a Praia de Quenxe temos dúas opcións:
1)    Regresar sobre os nosos pasos ata a Praza de Castelao e subir á esquerda pola Rúa Pepe Miñones ata chegar á praza do Campo do Rollo (onde está o parque infantil). Desde aquí só nos quedaría seguir as cunchas amarelas do Camiño de Santiago a Fisterra para regresar de novo ao albergue.
2)    Unha vez que chegamos á Praia de Quenxe, se a bordeamos chegaremos a un pequeno parque infantil. Xusto antes dese parque, saímos do paseo marítimo á dereita e subimos pola Rúa Ramón Caamaño ata chegar á estrada que nos leva ata o faro do Cabo Cee (á esquerda) e á vila de Corcubión (á dereita). Esta estrada é a Rúa Río Quenxe e, neste caso, debemos tomala á dereita. Camiñamos uns metros e chegaremos á estrada AC-445, á altura do cemiterio municipal. Cruzámola e continuamos á esquerda. Uns metros máis adiante subimos á dereita pola Rúa Doutor Fleming. No seguinte cruce que atopemos subimos á esquerda por unha costa bastante empinada (Rúa Camiño do Carro) e así chegaremos ao lugar de O Vilar, onde pasaremos por unha fonte e un lavadoiro públicos situados á dereita. Continuamos de fronte ata chegar de novo á estrada AC-445. Cruzamos con moito coidado e chegaremos ao Campo de San Roque, onde se atopa o albergue municipal.

1)    OPCIÓN 1 (RUTA MÁIS LONGA)
Esta ruta faise, en gran parte, por estrada asfaltada, aínda que pouco transitada por vehículos. Ten unha lonxitude de aproximadamente 10km.

O Albergue Municipal San Roque está situado no campo que leva o mesmo nome. Saíndo deste albergue e camiñando pola estrada á dereita chegamos á AC-445. Debemos cruzala con moito coidado, xa que non hai paso de peóns, para continuar de fronte polo lugar de O Vilar. Este camiño é parte da prolongación do Camiño de Santiago ata Fisterra, pero imos percorrelo en sentido contrario. Rapidamente chegamos ao lugar de O Vilar, onde tamén hai gran cantidade e hórreos e varias mostras interesantes de arquitectura popular.

Desde alí ata a vila de Corcubión hai algo menos de 1 km, que se percorre en permanente baixada. Se continuamos seguindo o Camiño de Santiago (en sentido contrario), á esquerda, unha vez que pasamos as casas situadas neste traxecto, debemos tomar a pista que baixa á dereita na bifurcación. Así camiñaremos uns minutos por unha ampla pista de terra polo monte de Corcubión, gozando dunhas fermosas vistas da ría. Ao final desta pista de terra chegamos ao núcleo de Corcubión. Seguindo pola esquerda alcanzaremos a Capela de San Antonio, situado no campo que leva o seu mesmo nome e onde podemos observar tamén un cruceiro. Continuado por detrás desta capela, polo lado esquerdo, avanzamos pola Rúa Salvador Allende, pasando pola Alameda (desde onde podemos contemplar unha fermosa vista da vila, coa súa disposición de anfiteatro sobre a enseada, así coma do porto e da ría presidida ao fondo polo Monte Pindo) e baixamos pola Rúa Cruceiro de Baldomar, ata chegar á estrada AC-445

Continuamos á dereita, bordeando o mar en dirección á Praza de Castelao. De camiño pasaremos polo edificio do Hotel El Hórreo (actualmente pechado) e por unha escultura dun peregrino feita polo artista local Andrés López, coa que se pretende dar a benvida a todos os que chegan a Corcubión, sexan peregrinos ou non. Continuando pasaremos polo Miradoiro de Ramón Pais, desde onde podemos contemplar unha boa panorámica da vila. 

Camiñando por este tramo do paseo marítimo podemos ver unha serie de edificacións burguesas moi relevantes, ata chegar ao Miradoiro de Benigno Lago, caracterizado por un longo banco de azulexos e situado á altura da Praza de Castelao. Desde aquí seguimos polo paseo marítimo en dirección ao porto. Desde alí continuamos avanzando polo paseo marítimo Plácido Castro Rivas, pasando polos restos do estaleiro de A Viña, ata a praia de Quenxe.

Bordeamos a praia e, xusto antes dun pequeno parque infantil, saímos do paseo marítimo á dereita. Subimos pola Rúa Ramón Caamaño ata chegar á estrada que nos leva ata o faro de Corcubión (Rúa Río Quenxe). Neste punto seguimos por esta estrada á esquerda. A 1,3 km encontramos o Castelo do Cardeal. Seguindo por esa mesma estrada chegamos ata unha curva moi grande á dereita, de onde parte á esquerda unha pequena estrada que vai chegar ao campo de fútbol municipal e ao faro do Cabo Cee. Se baixamos ata este faro pode apreciarse unha fermosa vista da ría de Corcubión. En fronte vese o Monte Pindo e no mar distínguense as Illas Lobeira que gardan a entrada da ría, así como o Faro do Carrumeiro Chico e, cara o Pindo, o Carrumeiro Vello ou Grande. Mirando á dereita pódese ver a península de Fisterra.

Volvemos para atrás e seguimos pola estrada que abandonamos. Continuando chegamos ao lugar de Redonda. Ao final da estrada que baixa polo medio do lugar, por entre as casas, está a Igrexa de San Pedro de Redonda, do século XII. Vale a pena achegarse ata alí para ver este templo e o seu adro presidido por un tradicional cruceiro.

Redonda é a outra parroquia de Corcubión, xunto coa de San Marcos (núcleo urbano). A diferenza desta última, a primeira é plenamente rural. Nela podemos admirar un gran número de hórreos e mostras de arquitectura popular, ademais dunha fermosa vista da costa de Corcubión e de Fisterra.

Despois de dar unha volta por Redonda podemos seguir a estrada no mesmo sentido que levabamos antes de desviarnos en Redonda; deste xeito acabaremos regresando de novo ao Albergue Municipal San Roque, o cal o atoparemos á nosa dereita.

2)    OPCIÓN 2 (RUTA MÁIS CURTA)
Esta ruta faise por estrada asfaltada, aínda que pouco transitada por vehículos. Ten unha lonxitude aproximada de 7,5km (ida e volta).

Este percorrido consiste en facer só o camiño que vai desde o Albergue Municipal de San Roque ata o faro do Cabo Cee e volver sobre os mesmos pasos.

Comezamos saíndo do albergue e continuando pola estrada á esquerda. Camiñando todo recto chegaremos ao lugar de Redonda. Se baixamos polo medio deste lugar á dereita chegaremos á igrexa románica de San Pedro de Redonda, do século XII. O seu adro está presidido por un tradicional cruceiro. Neste lugar podemos admirar un gran número de hórreos e mostras de arquitectura popular, ademais dunha fermosa vista da costa de Corcubión e de Fisterra.

Retrocedemos ata a estrada e continuamos á dereita durante, aproximadamente, 1,5km. Ao chegar a unha curva cerrada veremos a sinalización á dereita cara o faro e o campo de fútbol. Se a seguimos chegaremos ata o faro de Corcubión, situado no Cabo Cee.

Desde o faro, se queremos regresar de novo ao Albergue Municipal de San Roque debemos volver sobre os nosos pasos.