15130 Corcubión (A Coruña)
Saíndo do Restaurante Mar de Crebas á esquerda, tomamos unha costa empinada, tamén á esquerda. Antes de iniciar a subida podemos ver un marco quilométrico do Camiño de Santiago que nos indica que faltan uns 14 quilómetros para chegar ao Cabo Fisterra seguindo a Ruta Xacobea.
Subimos por esa costa e pasamos polo cruceiro de Baldomar, onde atoparemos tamén un dos moitos hórreos que existen en Corcubión.
Un pouco máis arriba chegamos á zona da Alameda, desde onde podemos contemplar unha fermosa vista da vila, coa súa disposición de anfiteatro sobre a enseada, así coma do porto e da ría presidida ao fondo polo Monte Pindo.
Neste momento debemos tomar unha das dúas rúas que aparecen. Continuamos pola da dereita, que segue cara arriba. Pasamos por unha rúa estreita (Salvador Allende) que serpea ata chegar ao campo de San Antonio, onde nos topamos coa Capela de San Antonio (s. XII) e o Cruceiro que leva o mesmo nome.
A continuación baixamos por unha rúa estreita e empinada (a Rúa Perigos) que baixa cara o sur e o centro da vila. Merece a pena pola súa singularidade e por algunha das casas que hai nela, como o é o Antigo Pósito Marítimo.
Baixando ata o final desta rúa desembocamos na Rúa Rafael Juan e continuamos ata a Rúa Antonio Porrúa. Ambas formaban parte da vella Rúa Real, que antigamente cruzaba toda a vila, onde atopamos bos exemplos de vivendas tradicionais corcubionesas e casas brasonadas como son a Casa Castreje ou o Pazo dos Dios e Pose, así como a Capela do Pilar.
Se continuamos avanzando chegamos á Praza de Castelao, na que podemos observar a “Casa do Pirata” ou a Casa Miñones, outra das edificacións singulares desta vila mariñeira. En fronte atopamos unha das fontes públicas que aínda existen en Corcubión: a fonte dos catro canos. Á dereita do palmeiral nacen varias rúas moi pequenas que chegan ata a Casa do Concello, o Edificio José Carrera. Desde a praza do concello (Praza José Carrera), podemos coñecer a parte “traseira” de Corcubión, moi rica en recunchos, cando menos, particulares. Recomendamos ao visitante que se perda un pouco por esta zona, tendo sempre como referencia a Praza de Castelao.
Regresamos, de novo, á Praza de Castelao. Aínda queda gran parte do núcleo urbano de Corcubión por visitar. Mirando ao sur hai tres rúas que parten da praza. A máis próxima ao mar é a Rúa San Marcos. Nela atopamos, á esquerda, o Pazo dos Condes de Altamira, propiedade e morada dos antigos señores de Corcubión e desde onde se administraba a xurisdición sobre máis de vinte parroquias. Esta xurisdición era una mestura do xulgado e do que é actualmente o concello, con atribución na recadación de impostos e nas levas de soldados. Se avanzamos por esta rúa podemos admirar outras casas relevantes ata chegar á Praza Párroco Francisco Sánchez, onde se encontra a Igrexa de San Marcos. Ademais da igrexa, podemos admirar unha das prazas máis fermosas da vila e un exemplo de Casa do Patín como o é o Pazo dos Lamas.
Continuamos pola rúa que sobe, a Rúa das Mercedes. No medio dela, diante dunha praciña pequena cun cruceiro, pódese admirar unha das casas brasonadas que ten Corcubión: a Casa dos Obregón (coñecida tamén como Casa Teixeira).
De seguido chegamos ao Campo do Rollo, praza recollida onde se atopa o parque infantil. Volvemos recomendar aos visitantes que se perdan un pouco polas rúas desta parte de Corcubión e descubran os recunchos singulares que se poden atopar.
Desde o Campo do Rollo, continuando un pouco cara o sur, está situado o antigo (Pazo de Antonio de Leira e Castro, unha importante figura que destacou por ser vicecónsul de Inglaterra en Corcubión, alcalde desta vila e factor durante a guerra contra os franceses, ademais de concederlle patente de corso o rei Carlos IV en 1800.
Desde aquí volvemos sobre os nosos pasos ao Campo do Rollo e descendemos en dirección norte. A primeira casa á esquerda é o edificio do Antigo Xulgado do Partido. Situándonos diante da fachada do Antigo Xulgado (mirando cara a Praza de Castelao), continuamos á esquerda ata chegar á Praza Médico Ramón Carrera, onde nos atopamos coa Casa de José Sendón, de sobria fachada presidida por un brasón, e algún outro exemplo interesante de casa tradicional. Desde aquí, por unha pequena canella, baixamos outra vez á Praza de Castelao.
A pouca distancia está o porto de Corcubión, onde se atopa o edificio do Antigo Cárcere do Partido e a onde chegamos camiñando uns metros polo paseo marítimo, deixando o mar á nosa esquerda. No porto poden verse as chalanas e botes, nasas e o resto de aparellos de pesca que utilizan os mariñeiros da vila. Aquí están situados o edificio do Club Náutico e a lonxa.
Do porto sae un paseo marítimo que vai en dirección sur. Este agradable paseo avanza ata chegar á Praia de Quenxe, pasando polos restos do estaleiro de A Viña. Desde alí pódese volver polo mesmo paseo ou seguindo a estrada en dirección norte. Así volveremos á Praza de Castelao, principio e fin deste percorrido urbano.
Se imos ata Quenxe, unha vez que volvamos (ben polo paseo marítimo, ben pola estrada), podemos regresar ao Restaurante Mar de Crebas continuando o paseo marítimo. Desde o miradoiro de Don Benigno Lago, caracterizado por un longo banco de azulexos e situado á altura da Praza de Castelao, avanzamos en dirección Cee, co mar a nosa dereita.
Camiñando por este tramo do paseo marítimo podemos ver unha serie de edificacións burguesas moi relevantes. Tamén pasaremos polo miradoiro de Don Ramón Pais, desde onde podemos contemplar unha boa panorámica da vila. Continuando, pasaremos polo edificio do Hotel El Hórreo (actualmente pechado) e por unha escultura dun peregrino feita polo artista local Andrés López, coa que se pretende dar a benvida a todos os que chegan a Corcubión, sexan peregrinos ou non. Uns metros máis adiante, á esquerda atoparemos de novo o Restaurante Mar de Crebas.
Esta ruta faise, en gran parte, por estrada asfaltada, aínda que pouco transitada por vehículos. Ten unha lonxitude de aproximadamente 10km.
Saíndo do Restaurante Mar de Crebas á dereita, bordeamos o mar en dirección á Praza de Castelao. De camiño pasaremos polo edificio do Hotel El Hórreo (actualmente pechado) e por unha escultura dun peregrino feita polo artista local Andrés López, coa que se pretende dar a benvida a todos os que chegan a Corcubión, sexan peregrinos ou non. Continuando pasarmos polo Miradoiro de Ramón Pais, desde onde podemos contemplar unha boa panorámica da vila.
Camiñando por este tramo do paseo marítimo podemos ver unha serie de edificacións burguesas moi relevantes, ata chegar ao Miradoiro de Benigno Lago, caracterizado por un longo banco de azulexos e situado á altura da Praza de Castelao. Desde aquí seguimos polo paseo marítimo en dirección ao porto. Desde alí continuamos avanzando polo paseo marítimo Plácido Castro Rivas, pasando polos restos do estaleiro de A Viña, ata a praia de Quenxe.
Bordeamos a praia e, xusto antes dun pequeno parque infantil, saímos do paseo marítimo á dereita. Subimos pola Rúa Ramón Caamaño ata chegar á estrada que nos leva ata o faro de Corcubión (Rúa Río Quenxe). Neste punto seguimos por esta estrada á esquerda. A 1,3 km encontramos o Castelo do Cardeal. Seguindo por esa mesma estrada chegamos ata unha curva moi grande á dereita (3,2 km), de onde parte á esquerda unha pequena estrada que vai chegar ao campo de fútbol municipal e ao faro do Cabo Cee (3,7 km). Se baixamos ata este faro pode apreciarse unha fermosa vista da ría de Corcubión. En fronte vese o Monte Pindo e no mar distínguense as Illas Lobeira que gardan a entrada da ría, así como o Faro do Carrumeiro Chico e, cara o Pindo, o Carrumeiro Vello ou Grande. Mirando á dereita pódese ver a península de Fisterra.
Volvemos para atrás e seguimos pola estrada que abandonamos. Continuando chegamos ao lugar de Redonda (5,8 km). Ao final da estrada que baixa polo medio do lugar, por entre as casas, está a Igrexa de San Pedro de Redonda, do século XII (6,2 km). Vale a pena achegarse ata alí para ver este templo e o seu adro presidido por un tradicional cruceiro.
Redonda é a outra parroquia de Corcubión, xunto coa de San Marcos (núcleo urbano). A diferenza desta última, a primeira é plenamente rural. Nela podemos admirar un gran número de hórreos e mostras de arquitectura popular, ademais dunha fermosa vista da costa de Corcubión e de Fisterra.
Despois de dar unha volta por Redonda podemos seguir a estrada no mesmo sentido que levabamos antes de desviarnos en Redonda; deste xeito acabaremos chegando ao albergue de peregrinos de Corcubión (7,9 km), albergue municipal xestionado pola Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS) que acolle aos peregrinos que fan o Camiño Xacobeo ata Fisterra.
Próximo ao albergue discorre a AC-442 que chega ata Fisterra. Para volver a Corcubión recomendamos cruzar esa estrada (con moito coidado) e seguir polo camiño de en fronte. Este é parte da prolongación do Camiño de Santiago ata Fisterra, pero imos percorrelo en sentido contrario. Rapidamente chegamos ao lugar do Vilar (8,4 km), onde tamén hai gran cantidade e hórreos e varias mostras interesantes de arquitectura popular.
Desde alí ata a vila de Corcubión hai algo menos de 1 km, que se percorre en permanente baixada. Se imos andando ou en bicicleta podemos utilizar o Camiño de Santiago, pero se imos en coche hai que tomar a estrada que baixa directamente ao centro da vila; desde o cruzamento do centro do lugar, á esquerda vai o Camiño de Santiago (andando e en bicicleta) e en coche hai que seguir recto.
Se continuamos seguindo o Camiño de Santiago (en sentido contrario), á esquerda, unha vez que pasamos as casas situadas neste traxecto, debemos tomar a pista que baixa á dereita na bifurcación. Así camiñaremos uns minutos por unha ampla pista de terra polo monte de Corcubión, gozando dunhas fermosas vistas da ría. Ao final desta pista de terra chegamos ao núcleo de Corcubión. Seguindo pola esquerda alcanzaremos a Capela de San Antonio.
Desde aquí, para regresar ao Restaurante Mar de Crebas, o camiño máis curto sería continuar polo lado esquerdo, pola Rúa Salvador Allende, pasando pola Alameda (desde onde podemos contemplar unha fermosa vista da vila, coa súa disposición de anfiteatro sobre a enseada, así coma do porto e da ría presidida ao fondo polo Monte Pindo) e baixar pola Rúa Cruceiro de Baldomar ata chegar a estrada AC-445. Unha vez aquí, xiramos á dereita e atoparemos o Restaurante Mar de Crebas de novo.
Outra opción sería baixar á dereita da Capela de San Antonio, pola Rúa Perigos ata chegar á Praza de Castelao e aproveitar para visitar o conxunto histórico artístico facendo parte da ruta urbana.