O Bar Suíza está situado na Praza Médico Ramón Carrera. Saíndo do establecemento á dereita, pola porta principal, baixaremos á esquerda pola Rúa Pepe Miñones ata a Praza de Castelao, a praza principal de Corcubión caracterizada por un pequeno palmeiral (Se saímos pola porta traseira que dá á praza do Campo do Rollo – onde está o parque infantil – debemos ir á esquerda para baixar pola Rúa Pepe Miñones ata a Praza de Castelao). Partindo de aquí, cruzamos a estrada AC-442, mirando ao mar, ata o miradoiro de Don Benigno Lago, caracterizado por un longo banco de azulexos. Desde aquí, avanzamos á esquerda polo paseo marítimo.
Camiñando polo paseo marítimo podemos ver unha serie de edificacións burguesas moi relevantes. Tamén pasaremos polo miradoiro de Don Ramón Pais, desde onde podemos contemplar unha boa panorámica da vila.
Continuamos avanzando ata chegar ao edificio do Hotel El Hórreo (actualmente pechado) e á escultura do artista local Andrés López na que se representa a figura dun peregrino co obxectivo de dar a benvida a todos os visitantes que chegan a Corcubión, sexan peregrinos ou non. Un pouco máis adiante chegaremos ata o cartel que sinala o límite con Cee (a vila veciña de Corcubión). Ao lado deste cartel que indica a separación entre as dúas vilas hai unha costa empinada á esquerda. Antes desa costa podemos ver un marco quilométrico do Camiño de Santiago que nos indica que faltan uns 14 quilómetros para chegar ao Cabo Fisterra.
Subimos por esa costa e pasamos polo cruceiro de Baldomar ata chegar á parte de atrás do Hotel El Hórreo, onde atoparemos un dos moitos hórreos que existen en Corcubión.
Un pouco máis arriba chegamos á zona da Alameda, desde onde podemos contemplar unha fermosa vista da vila, coa súa disposición de anfiteatro sobre a enseada, así coma do porto e da ría presidida ao fondo polo Monte Pindo.
Neste momento debemos tomar unha das dúas rúas que aparecen. Continuamos pola da dereita, que segue cara arriba. Pasamos por unha rúa estreita (Salvador Allende) que serpea ata chegar ao campo de San Antonio, onde nos topamos coa Capela de San Antonio (s. XII) e o Cruceiro que leva o mesmo nome.
A continuación baixamos por unha rúa estreita e empinada (a Rúa Perigos) que baixa cara o sur e o centro da vila. Merece a pena pola súa singularidade e por algunha das casas que hai nela, como o é o Antigo Pósito Marítimo.
Baixando ata o final desta rúa desembocamos na Rúa Rafael Juan e continuamos ata a Rúa Antonio Porrúa. Ambas formaban parte da vella Rúa Real, que antigamente cruzaba toda a vila, onde atopamos bos exemplos de vivendas tradicionais corcubionesas e casas brasonadas como son a Casa Castreje ou o Pazo dos Dios e Pose, así como a Capela do Pilar.
Se continuamos avanzando volvemos de novo á Praza de Castelao, na que podemos observar a “Casa do Pirata” ou a Casa Miñones, outra das edificacións singulares desta vila mariñeira. En fronte atopamos unha das fontes públicas que aínda existen en Corcubión: a fonte dos catro canos. Á dereita do palmeiral nacen varias rúas moi pequenas que chegan ata a Casa do Concello, o Edificio José Carrera. Desde a praza do concello (Praza José Carrera), podemos coñecer a parte “traseira” de Corcubión, moi rica en recunchos, cando menos, particulares. Recomendamos ao visitante que se perda un pouco por esta zona, tendo sempre como referencia a Praza de Castelao.
Regresamos, de novo, á Praza de Castelao. Aínda queda gran parte do núcleo urbano de Corcubión por visitar. Mirando ao sur hai tres rúas que parten da praza. A máis próxima ao mar é a Rúa San Marcos. Nela atopamos, á esquerda, o Pazo dos Condes de Altamira, propiedade e morada dos antigos señores de Corcubión e desde onde se administraba a xurisdición sobre máis de vinte parroquias. Esta xurisdición era una mestura do xulgado e do que é actualmente o concello, con atribución na recadación de impostos e nas levas de soldados. Se avanzamos por esta rúa podemos admirar outras casas relevantes ata chegar á Praza Párroco Francisco Sánchez, onde se encontra a Igrexa de San Marcos. Ademais da igrexa, podemos admirar unha das prazas máis fermosas da vila e un exemplo de Casa do Patín como o é o Pazo dos Lamas.
Continuamos pola rúa que sobe, a Rúa das Mercedes. No medio dela, diante dunha praciña pequena cun cruceiro, pódese admirar unha das casas brasonadas que ten Corcubión: a Casa dos Obregón (coñecida tamén como Casa Teixeira).
De seguido chegamos ao Campo do Rollo, praza recollida onde se atopa o parque infantil. Volvemos recomendar aos visitantes que se perdan un pouco polas rúas desta parte de Corcubión e descubran os recunchos singulares que se poden atopar.
Desde o Campo do Rollo, continuando un pouco cara o sur, está situado o antigo (Pazo de Antonio de Leira e Castro, unha importante figura que destacou por ser vicecónsul de Inglaterra en Corcubión, alcalde desta vila e factor durante a guerra contra os franceses, ademais de concederlle patente de corso o rei Carlos IV en 1800.
Desde aquí volvemos sobre os nosos pasos ao Campo do Rollo e descendemos en dirección norte. A primeira casa á esquerda é o edificio do Antigo Xulgado do Partido. Situándonos diante da fachada do Antigo Xulgado (mirando cara a Praza de Castelao), continuamos á esquerda ata chegar á Praza Médico Ramón Carrera, onde nos atopamos coa Casa de José Sendón, de sobria fachada presidida por un brasón, e algún outro exemplo interesante de casa tradicional. Desde aquí, por unha pequena canella, baixamos outra vez á Praza de Castelao.
A pouca distancia está o porto de Corcubión, onde se atopa o edificio do Antigo Cárcere do Partido. No porto poden verse as chalanas e botes, nasas e o resto de aparellos de pesca que utilizan os mariñeiros da vila. Aquí están situados o edificio do Club Náutico e a lonxa.
Do porto sae un paseo marítimo que vai en dirección sur. Este agradable paseo avanza ata chegar á Praia de Quenxe, pasando polos restos do estaleiro da Viña. Desde alí pódese volver polo mesmo paseo ou seguindo a estrada en dirección norte. Así volveremos á Praza de Castelao, principio e fin deste percorrido urbano. Subindo pola Rúa Pepe Miñones e collendo o primeiro desvío á dereita cara a Praza Médico Ramón Carrera chegaremos de novo ao Bar Suíza.
Esta ruta faise por unha estrada asfaltada, pero pouco transitada por vehículos.
Ten unha lonxitude de aproximadamente 10km.
O Bar Suíza está situado na Praza Médico Ramón Carrera. Saíndo do establecemento á dereita, pola porta principal, baixaremos á esquerda pola Rúa Pepe Miñones ata a Praza de Castelao, a praza principal de Corcubión caracterizada por un pequeno palmeiral (Se saímos pola porta traseira que dá á praza do Campo do Rollo – onde está o parque infantil – debemos ir á esquerda para baixar pola Rúa Pepe Miñones ata a Praza de Castelao). Desde aquí cruzamos a estrada AC-442, mirando ao mar, ata o miradoiro de Don Benigno Lago onde se atopa un longo banco de azulexos. Desde aquí, avanzamos á dereita polo paseo marítimo en dirección ao porto. Desde alí continuamos avanzando polo paseo marítimo Plácido Castro Rivas, pasando polos restos do estaleiro da Viña, ata a praia de Quenxe.
Bordeamos a praia e, xusto antes dun pequeno parque infantil, saímos do paseo marítimo á dereita. Subimos pola Rúa Ramón Caamaño ata chegar á estrada que nos leva ata o faro de Corcubión (Rúa Río Quenxe). Neste punto seguimos por esta estrada á esquerda. A 1,3 km encontramos o Castelo do Cardeal. Seguindo por esa mesma estrada chegamos ata unha curva moi grande á dereita (3,2 km), de onde parte á esquerda unha pequena estrada que vai chegar ao campo de fútbol municipal e ao faro do Cabo Cee (3,7 km). Se baixamos ata este faro pode apreciarse unha fermosa vista da ría de Corcubión. En fronte vese o Monte Pindo e no mar distínguense as Illas Lobeira que gardan a entrada da ría, así como o Faro do Carrumeiro Chico e, cara o Pindo, o Carrumeiro Vello ou Grande. Mirando á dereita pódese ver a península de Fisterra.
Volvemos para atrás e seguimos pola estrada que abandonamos. Continuando chegamos ao lugar de Redonda (5,8 km). Ao final da estrada que baixa polo medio do lugar, por entre as casas, está a Igrexa de San Pedro de Redonda, do século XII (6,2 km). Vale a pena achegarse ata alí para ver este templo e o seu adro presidido por un tradicional cruceiro.
Redonda é a outra parroquia de Corcubión, xunto coa de San Marcos (núcleo urbano). A diferenza desta última, a primeira é plenamente rural. Nela podemos admirar un gran número de hórreos e mostras de arquitectura popular, ademais dunha fermosa vista da costa de Corcubión e de Fisterra.
Despois de dar unha volta por Redonda podemos seguir a estrada no mesmo sentido que levabamos antes de desviarnos en Redonda; deste xeito acabaremos chegando ao albergue de peregrinos de Corcubión (7,9 km), albergue municipal xestionado pola Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS) que acolle aos peregrinos que fan o Camiño Xacobeo ata Fisterra.
Próximo ao albergue discorre a AC-442 que chega ata Fisterra. Para volver a Corcubión recomendamos cruzar esa estrada (con moito coidado) e seguir polo camiño de en fronte. Este é parte da prolongación do Camiño de Santiago ata Fisterra, pero imos percorrelo en sentido contrario. Rapidamente chegamos ao lugar do Vilar (8,4 km), onde tamén hai gran cantidade e hórreos e varias mostras interesantes de arquitectura popular.
Desde alí ata a vila de Corcubión hai algo menos de 1 km, que se percorre en permanente baixada. Se imos andando ou en bicicleta podemos utilizar o Camiño de Santiago, pero se imos en coche hai que tomar a estrada que baixa directamente ao centro da vila; desde o cruzamento do centro do lugar, á esquerda vai o Camiño de Santiago (andando e en bicicleta) e en coche hai que seguir recto.
Se continuamos seguindo o Camiño de Santiago (en sentido contrario), á esquerda, unha vez que pasamos as casas situadas neste traxecto, debemos tomar a pista que baixa á dereita na bifurcación. Así camiñaremos uns minutos por unha ampla pista de terra polo monte de Corcubión, gozando dunhas fermosas vistas da ría. Ao final desta pista de terra chegamos ao núcleo de Corcubión. Seguindo pola esquerda alcanzaremos a Capela de San Antonio.
Desde aquí, para regresar ao Bar Suíza, podemos baixar polo lado dereito da Capela de San Antonio, pola empinada Rúa Perigos que baixa cara o sur e o centro da vila. Merece a pena pola súa singularidade e por algunha das casas que hai nela, como o é o Antigo Pósito Marítimo.
Baixando ata o final desta rúa desembocamos na Rúa Rafael Juan e continuamos ata a Rúa Antonio Porrúa. Ambas formaban parte da vella Rúa Real, que antigamente cruzaba toda a vila, onde atopamos bos exemplos de vivendas tradicionais corcubionesas e casas brasonadas como son a Casa Castreje ou o Pazo dos Dios e Pose, así como a Capela do Pilar.
Se continuamos avanzando volvemos de novo á Praza de Castelao, na que podemos observar a “Casa do Pirata” ou a Casa Miñones, outra das edificacións singulares desta vila mariñeira. En fronte atopamos unha das fontes públicas que aínda existen en Corcubión: a fonte dos catro canos. Cruzamos a Praza de Castelao e subindo pola Rúa Pepe Miñones e collendo o primeiro desvío á dereita cara a Praza Médico Ramón Carrera chegaremos de novo ao Bar Suíza.