Que ver en Corcubión

Corcubión, terra de sosego e bravura

Patrimonio Natural

Praia de Quenxe

A Praia de Quenxe trátase dunha pequena e recollida praia urbana de 350 metros de lonxitude e de area branca. Conta cun paseo marítimo que bordea toda a praia e polo que se pode chegar ata a vila de Corcubión a través do porto.

É detrás desta praia onde se aprecian os restos dalgunhas das antigas fábricas de salgadura que funcionaban antigamente en Corcubión.

A Praia de Quenxe, xunto coa de Santa Isabel (esta última situada na entrada da vila) están declaradas como “Praias sen Fume” desde o ano 2017, dentro da Rede galega de praias sen fume, incluída no Programa Galego de Promoción dunha Vida Sen Tabaco, iniciativa da Dirección Xeral de Saúde Pública para promover que non se fume nas praias. A finalidade desta iniciativa non é recadar, senón que o seu único obxectivo é a promoción da saúde e a protección do medio ambiente, por iso o seu cumprimento é voluntario.

As “Praias sen Fume” dispoñen dun cartel onde figura tal distinción, o cal serve para indicar que se trata dunha praia onde non se fuma en toda a zona do areal a partir da sinalización, quedando excluídos desa prohibición as zonas ao aire libre dos locais de hostalaría que estean situados na praia.

Cabo Cee

A 4 quilómetros da vila de Corcubión (en dirección a Fisterra) atopamos o Cabo Cee, desde onde podemos gozar dunha fermosa panorámica da Ría de Corcubión. Á dereita pódese diferenciar o Cabo Fisterra, á esquerda a mole granítica do Monte Pindo, cuxa cima se atopa a 627 metros sobre o nivel do mar.

Dende aquí tamén se aprecian as Illas Lobeira (a Grande e a Chica), así como os Carrumeiro Grande ou Vello (cara o lado do Pindo) e o Carrumeiro Chico ou Novo, coñecido tamén como o Cemiterio Grego polos naufraxios de varios vapores gregos nos baixos aí situados.

Illas Lobeiras

As Illas Lobeiras son dous pequenos arquipélagos formados por rochas que reciben o nome de Lobeira Grande, localizada a 2,8 quilómetros da costa, e Lobeira Pequena ou Chica, a 1,5 quilómetros. Están situados na Ría de Corcubión, fronte á denominada Costa da Cabra. O tamaño das dúas illas é de 12 hectáreas. Cando baixa a marea poden verse pequenos areais formados por anacos de cunchas.

As dúas illas están dentro da Rede Europea de Espazos Protexidos, polo que constitúen espazos naturais de grande importancia na conservación do noso medio ambiente.

A orixe do nome Lobeiras non está de todo clara, aínda que o máis probable é que o seu nome faga referencia a que noutras épocas fose visitada por lobos mariños. Pero tamén existe outra versión que é que os mariñeiros consideraban estas illas como un perigo para a navegación, que agardaban agochadas como un lobo a que un barco chocase contra elas para así poder “comer” os seus tripulantes.

As illas son ambientes moi fráxiles e vulnerables. A introdución ou a chegada accidental de novas especies invasoras supón unha grave ameaza para os animais e plantas que viven neses lugares únicos, xa que se poden ver desprazados e incluso chegar a desaparecer. Por iso é tan importante protexelas de depredadores alleos como gatos, ratas, raposos e outros, así como da chegada de plantas exóticas.

Baixo a auga que rodea as Lobeiras viven numerosas especies de animais e plantas: algas, ourizos, cangrexos, estrelas de mar, peixes e outros moitos organismos que constitúen verdadeiras reservas de vida das que nos aproveitamos, entre outros, os humanos.

Na Lobeira Grande hai un faro construído en 1906. No seu momento custou 5.246 pesetas e 27 céntimos. O edificio foi abandonado en 1924 e incluía a vivenda do fareiro, un almacén de alimentos e mercadorías e unha oficina para o enxeñeiro do faro. Actualmente o seu interior está derruído.