Que ver en Corcubión

Corcubión, terra de sosego e bravura

Patrimonio Cultural

Patrimonio arqueolóxico

Castro de Quenxe

LOCALIZACIÓN: Lugar de Oliveira, sobre o monte Quenxe.

CRONOLOXÍA: séculos I ou II antes de Cristo.

Este xacemento ten dous recintos cunha croa de pequenas dimensións, protexida no seu perímetro por un parapeto e rodeada por outra liña defensiva.

O recinto está sen escavar, pois está ocupado por terrazas con terreos de cultivo.

A súa localización permitía o control da Ría de Corcubión, gran parte do val de Cee e gran parte da costa até o cabo Fisterra.

Patrimonio arquitectónico

IGREXAS

Igrexa de San Marcos

LOCALIZACIÓN: Praza Párroco Francisco Sánchez.

CRONOLOXÍA: séculos I ou II antes de Cristo.

  • Capela maior: século XIV.
  • Nave e bóveda: segundo cuarto do século XV.
  • Capelas do cruceiro e sancristía: primeiro terzo do século XVIII
  • Segunda sancristía, baptisterio e fachada: último cuarto do século XIX.

ESTILO: gótico mariñeiro, excepto as capelas do cruceiro que son barrocas e a fachada que é neogótica.

AUTORES: só se coñece o autor da fachada neogótica: Domingo Rodríguez Sesmero.

ESTRUTURA ARQUITECTÓNICA: a igrexa organízase nunha planta de salón rectangular, de nave única, e unha capela maior rectangular. A nave divídese en catro tramos mediante tres arcos apuntados con arestas. Os arcos repousan en semicolumnas rematadas en capiteis decorados con follas talladas esquematicamente. A nave leva unha cuberta de madeira a dúas augas. A Capela Maior cóbrese con bóveda cupuliforme (de influxo bizantino) que vai sobre nervios diagonais volteados sobre columnas encostadas.

A igrexa de San Marcos está declarada Ben de Interese Cultural. Conserva restos románicos dun tempo anterior na capela maior, así como nos seus canzorros. A maioría da construción pertence á época gótica e foise construíndo, dende principios do século XIV en varias etapas. Xa a comezos do século XVIII constrúense as capelas do cruceiro. A do lado da Epístola dedicouse a Nosa Señora do Socorro e ás Ánimas. Foi fundada por Phelipe de Pazos e a súa dona Lucía Freire de Andrade. A do lado do Evanxeo está consagrada á Virxe do Carme e foi fundada por Francisco de Navas y Espínola en 1715, tal como indica a inscrición da rosca do arco de ingreso.

Esta igrexa pasou por varios desastres, sendo o primeiro deles o causado polo ataque das tropas napoleónicas a Corcubión durante a Guerra de Independencia en 1809. Neste ataque arrasaron a vila e a igrexa non se librou, incendiándose todo o seu interior. Debido á mala situación económica da vila naquel momento, a reparación non se puido realizar ata 1811. Posteriormente a torre da igrexa viuse afectada, en 1833, por un furacán, que abateu a torre da igrexa ata a campá e parte da tribuna. Logo, en 1969, caeu un raio sobre a torre que tamén a danou. Pero o máis grave aconteceu o 19 de marzo de 1885, día de San Xosé. Durante a función caeu outro raio na parte superior central da torre que fixo que esta se derrubase sobre a fachada e o teito do tempo, destruíndo parte da fachada, a parede meridional e o remate do altar maior, e afundindo o primeiro treito da nave e rompendo tódolos cristais e campás.

A igrexa parroquial de Corcubión está presidida pola impresionante imaxe de San Marcos da Cadeira, unha talla gótica da escola veneciana datable na segunda metade do século XV.

Capela do Pilar

LOCALIZACIÓN: Rúa Antonio Porrúa, 5.

CRONOLOXÍA: 1931.

ESTILO: ecléctico.

SITUACIÓN XURÍDICA: propiedade do Concello de Corcubión.

Esta capela presenta unha planta rectangular, con nave única e unha pequena sancristía detrás do espazo do presbiterio. Aos pés ten unha pequena tribuna de madeira. A nave está cuberta con bóveda semicircular reforzada con arcos faxóns que descansan sobre pilastras de orde xigante feitas en formigón. Foi mandada edificar por Pilar Hermida Orbea como dependencia anexa ao “Asilo de Ancianos Pobres Desamparados”, construído en 1925 en memoria do seu home, don Emilio Alonso, cos fondos que familia Riestra Figueroa lle deixara a este para tal fin. Esta fundación benéfica continuou en activo ata mediados dos anos oitenta, no que soamente contaba con catro persoas acollidas dada a precaria situación hixiénica e de seguridade das instalacións.

Na capela repousan os restos de Emilio Alonso e dos seus familiares, Dona Ana, Dona Joaquina e Don Laureano Riestra, así como os da propia fundadora, tal e como recorda unha placa conmemorativa situada nun dos laterais do presbiterio.

En 1989 o edificio foi rehabilitado polo concello para ser Auditorio Municipal, aínda que a posterior construción da Casa da Cultura relegou á Capela do Pilar desta función. Actualmente utilízase para a realización de actividades culturais polos veciños de Corcubión.

Capela de San Antonio

LOCALIZACIÓN: Campo de San Antonio, 2.

CRONOLOXÍA: construída en 1684 e reconstruída en varias ocasións. Foi erixida por Domingo Durán.

ESTILO: barroca.

SITUACIÓN XURÍDICA: propiedade do Arcebispado de Santiago de Compostela.

Trátase dun pequeno templo de planta rectangular cunha capela maior que ocupa a súa totalidade que ten unha cuberta de madeira a dúas augas con tella. A capela foi reconstruída en 1997 tras sufrir un incendio e quedar en estado ruinoso durante moitos anos. Posuía un retablo barroco do que só se conserva a imaxe de San Antonio de Padua. Esta imaxe, que data do século XVII, representa ao santo moi novo, vestido co hábito franciscano e cos atributos habituais da azucena e do libro. O templo sitúase nunha praciña (o campo de San Antonio), onde destaca un cruceiro do século XVIII.

Igrexa de San Pedro de Redonda

LOCALIZACIÓN: Redonda.

CRONOLOXÍA: comezos do século XIII.

ESTILO: románico.

SITUACIÓN XURÍDICA: propiedade do Arcebispado de Santiago de Compostela.

A Igrexa de San Pedro é un templo de reducidas dimensións pero dun grande valor artístico. Conta cunha nave e capela únicas, ambas de planta rectangular. Apegada ao presbiterio atópase a sancristía, de reducidas dimensións e planta rectangular, cunha altura menor ao resto da nave. O seu paramento de mampostería supón unha variación con respecto á cantería do resto do templo.

Como elementos destacados pódense indicar:

- A fachada, que presenta un esquema pentagonal e un arco de medio punto apoiado no muro. A porta de acceso leva en cada folla os símbolos de San Pedro: as chaves e o báculo.

- A decoración exterior, con motivos vexetais. Destacan a espadana dun corpo con dous arcos de medio punto peraltados sobre alicerces, un frontón, dous acróteros piramidais e unha cruz. No testeiro da ábsida hai que destacar a presenza dunha fiestra rematada en arco de medio punto que repousa sobre unha pequena columna acodillada da que só se conserva a do lado esquerdo.

- A decoración interior, con retablos con imaxes. Tamén hai varias imaxes, como a de San Pedro (pequena tala gótica duns 40cm), a Virxe das Mercedes, a Virxe do Carme, unha talla de San Xoán Bautista e a da Virxe do Rosario. Na Capela Maior atópanse vestixios de decoración pictórica na bóveda e na parede este. Sobre un fondo ocre-amarelo debúxanse unha serie de motivos vexetais: entrelazos, floróns, etc. Na parte alta da bóveda aparece un disco solar cun rostro humano; del parten unha serie de raios e está rodeado por estrelas e puntos que figuran a bóveda celeste. No lenzo da parede que flanquea a imaxe de San Pedro aínda poden observarse restos da representación de roupaxes, polo que a ábsida tería, ademais, unha decoración figurativa.

O campo onde se atopa a igrexa está nun lugar moi fermoso e contén, ademais do templo, o cemiterio e un cruceiro.

PAZOS, CASAS SEÑORIAIS E OUTRAS EDIFICACIÓNS DE INTERESE

Pazo dos Condes de Altamira

LOCALIZACIÓN: Rúa de San Marcos.

CRONOLOXÍA: século XV, con reformas nos XVII e XVIII

SITUACIÓN XURÍDICA: propiedade privada en uso.

O establecemento da capitalidade da xurisdición en Corcubión en 1430 polos Condes de Altamira fai necesaria unha edificación representativa que acollese, ademais da residencial, outras funcións, como a sala de audiencias do xulgado señorial.

Este Pazo é unha construción con orixes no século XV pero alterada con sucesivas reformas nos séculos XVII e XVIII.

O reforzo do sistema defensivo era un dos puntos fundamentais, xa que, debido á súa proximidade ao mar, a ameaza dun ataque estaba sempre preto, como cando en 1457 as xentes do arcebispo Rodrigo de Luna desembarcaron no porto de Corcubión e atacaron as tropas dos Moscoso. Para mellorar a seguridade construíronse unhas torres que foron demolidas na remodelación de comezos do século XVIII. Neste pazo tamén se atopaba a residencia do meiriño, o xuíz que rexía a xurisdición de Corcubión, contando con estancias reservadas para a residencia do Conde. Formaba unidade coa vivenda anexa.

Pazo de Antonio de Leira e Castro (coñecido como Pazo dos Condes de Traba)

LOCALIZACIÓN: Rúa de Carrera Fábregas, 27

SITUACIÓN XURÍDICA: propiedade privada en uso.

Dise que este pazo pertenceu aos Condes de Traba, señores de Corcubión a principios da Idade Media, nunha época anterior aos Condes de Altamira. Pero é máis acertado chamarlle Pazo de Antonio de Leira e Castro, pois foi el quen mercou o solar onde se atopa hoxe este edificio para construír nel o seu pazo, polo que o edificio que vemos hoxe en día sería unha rehabilitación do antigo pazo de Leira.

Tal e como explica Jano Lamas nas súas publicacións sobre Antonio de Leira e Castro, este home tivo varias ocupacións. Entre 1773 e 1787 destacou como un importante home de negocios, motivo polo que tamén desempeñou importantes cargos: foi nomeado vicecónsul de Inglaterra no porto de Corcubión, despois foi alcalde desta vila e, máis tarde, Factor con competencias ata o porto de Muros e Camariñas. Por outra parte, en 1800 o rei Carlos IV concedeulle patente de corso, coincidindo nesta actividade con Ángel Escaja Bueno e Pedro Lastres de Corcubión, e con Meréns, José Sánchez e Pedro Díaz Porrúa de Cee. Grazas a eles, Corcubión converteuse nun importante porto na poxa de barcos e mercancías das flotas inimigas. Ademais, Leira tamén formou parte da Xunta de Defensa de Corcubión durante a guerra contra os franceses en 1809.

Para poder desempeñar o cargo de factor debía ser unha persoa distinguida ou fidalga, cun patrimonio considerable e con casa propia. E Antonio de Leira e Castro cumpría todos estes requisitos (era fidalgo, vicecónsul, rexedor e home de negocios). Precisamente, o requisito de posuír casa propia cumpriuno cando lle comprou a don Vicente de Osorio e de Moscoso, marqués de Astorga e conde de Altamira, un solar nos arredores do pobo onde construíu o seu pazo en 1771, data que se podía ler no lintel da porta principal (hoxe en día borrada por unhas obras de restauración). Este pazo non é outro que o coñecido como Pazo dos Condes de Traba, de aí que sexa máis correcto chamarlle Pazo de Antonio de Leira e Castro.

A planta deste pazo ten forma de L, dúas alturas e un patio amurallado. A fachada principal ten tres accesos a nivel da rúa e outro no primeiro piso, ao que se chega a través dunha ampla escalinata de pedra cun peitoril macizo de cantería que remata nun patín descuberto. Parte desta fachada de pedra está encintada en cor branca, característica propia da tradición mariñeira. Tamén destaca a robusta cheminea de pedra rematada, actualmente, cunha cuberta de tella. A fachada está presidida por un escudo de armas de catro cuarteis moi borrosos. Aínda que non se poden distinguir, o cuartel superior esquerdo tiña o distintivo dos Leira e o superior dereito o dos Castro.

Durante a invasión francesa de 1809 este pazo, ao igual que o resto de Corcubión, foi saqueado e incendiado. Como Antonio de Leira e Castro formaba parte da Xunta de Defensa de Corcubión fuxiu a Vigo coa súa familia despois do segundo ataque das tropas napoleónicas, xa que os inimigos andaban á súa procura. Só volveu a Corcubión para vender as ruínas do seu pazo que, a partir daquela, quedaría divido en dúas vivendas independentes.

Esta información pode consultarse e ampliarse nos artigos publicados por Jano Lamas:

- Un vicecónsul de Inglaterra que sería alcalde de Corcubión: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/corcubion/2015/08/05/viceconsul-inglaterra-seria-alcalde-corcubion/0003_201508C5C11991.htm

- Pazo de Antonio Leira e Castro: https://www.quepasanacosta.gal/opinion/author/pazo-de-antonio-leira-e-castro/20110103072713099095.html

Pazo dos Lamas

LOCALIZACIÓN: Praza Párroco Francisco Sánchez, 2

SITUACIÓN XURÍDICA: propiedade privada en uso.

Este Pazo, coñecido como a Casa do Patín, foi construído no século XVI. Do edificio consérvase a súa fachada norte e este sen grandes variacións arquitectónicas. O muro sur está moi transformado e por el discorría unha extensa finca que lindaba co Campo da Viña, e polo oeste con outra finca relacionada cos reais alfolíns de Corcubión. Desta casa destaca a súa primitiva escalinata en forma de patín que dá acceso á primeira planta e o balcón de pedra. Documentos publicados polo investigador Paulino Castiñeira Castro no seu libro Estudio, Historia de Corcubión, Año 1572-1630, describen a casa coa horta, o que fai que se identifique como a que mandara construír Diego de Lamas y Sotomayor, un fidalgo da liñaxe que fundara o seu antepasado Álvaro Núñez de Lamas sobre os morgados de Zas e Brandomil.

Pódese consultar máis información sobre este Pazo no artigo escrito por Alejandro Lamas Costa titulado La evolución de la Casa do Patín, publicado o 30 de setembro de 2007 no xornal La Voz de Galicia.

Casa dos Obregón

LOCALIZACIÓN: Rúa das Mercedes.

SITUACIÓN XURÍDICA: propiedade privada en uso.

Este Pazo construíuse en 1783. Ten unha planta irregular disposta en dous niveis. Conta con dous accesos situados ambos ao nivel da rúa; o acceso lateral vai debaixo dunha pequena terraza. A porta principal leva un arco moldurado con orelleiras e volutas, flanqueada por pilastras clásicas que perderon os capiteis debido ás reformas que alteraron a composición desta fachada. Sobre a porta vai un escudo contornado en estilo Rococó e timbrado por un helmo volto cara a súa dereita.

Casa de José Sendón

LOCALIZACIÓN: Praza Médico Ramón Carrera

SITUACIÓN XURÍDICA: propiedade privada en uso.

É un exemplo de casa brasonada entre medianeiras, organizada en dúas alturas, cun tellado cuberto a dúas augas. A fachada principal é de grande sinxeleza, cun eixo central que ven marcado pola porta de entrada. Sobre ela vai un escudo de armas, coroado por un helmo virado cara a dereita, de catro cuarteis, no que se aprecian as serpes afrontadas da familia dos Pazo, escribáns dos Condes de Altamira durante varias xeracións.

Casa Miñones

LOCALIZACIÓN: Praza de Castelao, 12 CRONOLOXÍA: 1899 SITUACIÓN XURÍDICA: propiedade privada en uso.

Este edificio é un dos máis senlleiros de Corcubión.

Propiedade do banqueiro local Manuel Miñones Barros, esta casa foi reformada entre 1899 e 1902.

A casa mantén unha composición clásica da arquitectura de galerías cun corpo baixo con dous vans que se converten en balcóns no primeiro andar e nunha galería no último. A construción é de planta rectangular coa fachada lateral máis alongada que a principal, dispóndose en tres niveis ademais do baixo cuberta acondicionada como ático.

A “Casa do Pirata”

LOCALIZACIÓN: Praza de Castelao, 14

CRONOLOXÍA: século XVII

SITUACIÓN XURÍDICA: propiedade privada en uso.

Este é outro dos edificios senlleiros de Corcubión. Na súa fachada apréciase un escudo con seis cuarteis nos que se identifican a cabeza de lobo dos Moscoso (cuarto cuartel), o xadrezado dos Bermúdez (quinto cuartel) e os seis roeis dos Castro (sexto cuartel).

A esta casa tamén se lle coñece co nome de “A Casa do Pirata”, pois xa no século XIX viviu nela o bravo capitán José Agramunt y Figueroa, quen naceu en Corcubión o 24 de febreiro de 1833, aínda que a súa familia era de orixe valenciana. Un dos seus antepasados fora un coñecido corsario asentado en Fisterra. José Agramunt, ao igual que moitos dos seus antepasados, dirixiu os seus estudos ao mundo da navegación de altura ata obter o título de piloto e, posteriormente, o de armador. Na súa época este home foi famoso polo feito que aconteceu a noite do 26 de decembro de 1876, cando a bordo do seu bergantín goleta Liberto estaba navegando entre o Cabo de Gata e Roquetas, despois de tomar un cargamento de sal en Torrevieja con destino a un porto do Cantábrico. Esa noite, a tripulación baixo o seu mando amotinouse.

A intención da tripulación era matar ao capitán para facerse co cargamento de sal. Para iso aproveitaron a noite, mentres este durmía, para entrar na súa cámara e propinarlle dous disparos de revólver na súa cabeza. Pero non conseguiron acabar coa súa vida: o capitán ergueuse e saíu tras eles, recibindo un machadazo nas costas e outro disparo máis que tampouco conseguirían acabar con el. O capitán foi capaz, no seu grave estado, de acurralar aos amotinados e encerralos no rancho de proa e poñer ao contramestre baixo as súas ordes. Fixo conducir o barco ao porto de Almería, a onde chegaron na mañá do 27 de decembro. Conseguiu entregar os tripulantes ás autoridades e a el trasladárono ao hospital, onde faleceu aínda días despois, o 5 de xaneiro de 1877.

Dos cinco tripulantes, un morreu como consecuencia dun disparo recibido por erro a bordo. O resto dos amotinados estiveron uns días na prisión do porto de Almería e despois foron trasladados ao penal da Carraca en San Fernando (Cádiz). Durante o desenvolvemento do proceso, o contramestre faleceu, supostamente, de morte natural, polo que só quedaron tres tripulantes para xulgar. Durante o consello de guerra que tivo lugar en San Fernando o 28 de xaneiro de 1878, dous deles foron condenados a cadea perpetua e o outro a 14 anos de prisión. Pero as autoridades recorreron esta sentencia e, finalmente, os tres tripulantes foron condenados á pena de morte e, ademais, a pagar 5000 pesetas á nai do capitán. Para levar a cabo a execución os tripulantes foron trasladados de novo ao porto de Almería, onde esta se levou a cabo o 25 de outubro de 1878.

No seguinte enlace pódense consultar con detalle todos estes feitos: https://www.baixamar.com/998-bravo-piloto-capitan-jose-agramunt-motin-liberto.htm

Pazo dos Dios e Pose

LOCALIZACIÓN: Antonio Porrúa, 3

SITUACIÓN XURÍDICA: propiedade privada en uso.

Vivenda brasonada entre medianeiras, disposta en dous andares de planta rectangular. En cada un dos andares hai un par de fiestras. Na fachada destaca un balcón corrido no primeiro andar ao que se abren dous vans, seguindo un ritmo regular na distribución dos ocos. No último piso hai un escudo de armas que ocupa case completamente o van. Este pazo é é un dos mellores exemplos de casas brasonada de Corcubión.

Casa Castreje.

LOCALIZACIÓN: Antonio Porrúa

SITUACIÓN XURÍDICA: propiedade privada en uso.

Edificio brasonado entre medianeiras disposto en tres niveis. A súa planta é regular.

A fachada ten un eixo central marcado pola porta e continuando no primeiro andar cun pequeno balcón sostido sobre unha lousa de granito cunha fina varanda de ferro. No último andar hai unha fermosa galería que a recorre completamente.

Ten un fermoso escudo de armas con catro cuarteis. Hai que lamentar que está mutilado na súa parte superior.

Antigo Cárcere do Partido

LOCALIZACIÓN: Peirao de Corcubión

CRONOLOXÍA: 1858

ESTILO: ecléctico.

AUTOR: Faustino Domínguez Domínguez.

SITUACIÓN XURÍDICA: propiedade do Concello de Corcubión.

Inicialmente as dependencias do cárcere estarían situadas no baixo dalgún edificio, cunhas condicións sanitarias precarias de amontoamento dos presos. Ante esta situación, os alcaldes do partido acordan a construción dun recinto carcerario específico que, ademais, incluiría as dependencias do xulgado e do concello.

O proxecto foi encargado ao arquitecto provincial Faustino Domínguez Domínguez, levándose a cabo a construción entre 1854 e 1858. Organízase como un volume de planta trapezoidal en torno a un patio central. No patio interior contaba cunha pequena capela, unha sala de enfermería e as celas. Exteriormente destaca a portada central, cun arco de medio punto sobre un arco de perpiaños almofadados. Complétase cun par de machóns dos muros de carga a modo de pilastras dóricas. No ano 1996 leváronse a cabo os traballos de rehabilitación desta edificación coa finalidade da súa recuperación para oficina de información turística e centro de exposicións.

Antigo Xulgado do Partido

LOCALIZACIÓN: Rúa Pepe Miñones, 12

ESTILO: modernista.

SITUACIÓN XURÍDICA: propiedade privada, deshabitada.

Edificio que aloxaba o antigo xulgado de Corcubión.

Actualmente é unha vivenda organizada en dous niveis. A fachada principal ten dous corpos, no baixo hai dúas portas con arco de medio punto. No primeiro andar hai dous balcóns.

Na fachada lateral ábrense catro vans, cun balcón no primeiro andar e unha pequena galería.

Na parte traseira dúas grandes pilastras enmarcan a fachada.

Antigo Pósito Marítimo

LOCALIZACIÓN: Rúa Perigos.

CRONOLOXÍA: século XVIII.

ITUACIÓN XURÍDICA: propiedade privada en uso

OUTRAS DENOMINACIÓNS: antiga confraría de pescadores; Casa da Balconada.

Esta edificación, mandada construír polo corsario Ángel Escaja Bueno, é de planta rectangular con dúas áreas diferenciadas polos dous accesos: unha porta dá acceso á vivenda e a outra puido ser, orixinariamente, a entrada ás cortes. Para salvar o desnivel existente con respecto á Rúa Perigos, a construción elévase sobre un podio de pedra.

Destaca a presenza no primeiro andar dunha balconada pétrea sostida por canzorros graníticos os cales repousan en catro piares, feitos tamén de granito. Os balaustres, cunha delicada labra, remiten ao mundo do Barroco compostelán. O aparello usado é de cachotería á vista e a cuberta é a dúas augas con tella do país.

Edificio José Carrera

LOCALIZACIÓN: Praza José Carrera, 1

CRONOLOXÍA: 1924

ESTILO: ecléctico.

AUTOR: Eduardo Rodríguez Losada y Rebellón

SITUACIÓN XURÍDICA: propiedade do Concello de Corcubión.

Este edificio é un exemplo de Arquitectura de Indianos e naceu pola vontade do filántropo corcubionés José Carrera Fábregas de crear un centro de ensino na súa vila natal. Foi construído orixinalmente para servir como unha Escola Práctica de Artes e Oficios, por iso segue a tipoloxía das institucións escolares da época. Ten un corpo central cadrado que conecta as dúas alas dispostas simetricamente, nas que se dispoñían as aulas. A Capela, que se atopaba no centro da fachada, era o elemento que marcaba a división do espazo. En 1967 fíxose unha remodelación e ampliación e outra no 2001 quedando o edificio como o vemos na actualidade. Actualmente este edificio acolle a Casa do Concello de Corcubión e outras dependencias públicas.

Edificacións burguesas

LOCALIZACIÓN: Avenida da Constitución

ESTILO: modernista.

SITUACIÓN XURÍDICA: propiedades privadas en uso.

No paseo marítimo de Corcubión hai varios edificios interesantes.

No número 12, temos un edificio modernista constituído por unha planta rectangular en tres niveis mantendo unha composición clásica na fachada. O muro está cuberto por azulexo branco e verde igual que na casa do antigo xulgado.

Tamén no paseo hai un grupo de casas con fermosas galerías e patios orientados cara o mar. Varios deses patios teñen xardíns que visten de cor, case todo o ano, o paseo marítimo de Corcubión.

Castelo do Cardeal

LOCALIZACIÓN: Punta Pión.

CRONOLOXÍA: segunda metade do século XVIII.

SITUACIÓN XURÍDICA: propiedade privada en uso.

A estratéxica situación do porto de Corcubión como lugar de refuxio ante as bravas augas da Costa da Morte convertíao en obrigada parada das expedicións que se dirixían, ben cara o Norte de Europa, ben cara o Mediterráneo. En moitas ocasións este fondeado na ría era aproveitado para facer incursións de saqueo e destrución nas vilas mariñeiras e nos territorios do interior da comarca. Por este motivo, a partir de mediados do século XVII, pensouse na necesidade de facer fortificacións nesta ría. O primeiro plan defensivo para a zona comprendía as seguintes construcións:

  • Castelo do Príncipe, na Ameixenda (Cee).
  • Castelo de San Carlos, en Fisterra.
  • Castelo do Soberano, en Camariñas (hoxe desaparecido).
  • Castelo do Cardeal, en Corcubión.

O Castelo do Cardeal formaba parella co Castelo do Príncipe, situado practicamente enfronte permitindo, mediante fogo cruzado, a súa defensa. Conta a lenda que unha cadea unía ambas fortificacións e que, ao tensala, evitábase a entrada de naves inimigas, permitindo así o peche da ría.

A súa dotación era de doce canóns montados e as oficinas correspondentes, nas que se poderían albergar ata noventa homes.

Faro do Cabo Cee

LOCALIZACIÓN: Cabo Cee 43° 55’ lat. N. E 9° 11’ lonx. O.

CRONOLOXÍA: 1860

SITUACIÓN XURÍDICA: depende da Autoridade Portuaria da Coruña.

ALTURA DO CHAN Á LUZ: 7m

ALCANCE DA LUZ: 7 millas (13km)

CARACTERÍSTICA DISTINTIVA: 3 lampos brancos cada 6 segundos.

A Comisión de Faros decide en 1847 a colocación dun punto de iluminación que facilitase a entrada na ría de Corcubión. O lugar escollido foi o Cabo Cee. Recomendábase a colocación dun pequeno fanal de luz fixa vermella e boias ou balizas no Carrumeiro Chico e nas inmediacións. Este faro, de 5ª orde, foi designado co nome de Fanal de Corcubión. En 1858 sácanse a poxa as obras e, ante a ausencia de licitadores, fíxose a cargo da Administración.

Iluminouse o 31 de xullo de 1860, con luz fixa branca e alcance en tempo ordinario de 8 millas; tiña o plano focal a uns 7 metros do chan e 2 sobre o mar, un aparello catadióptrico e unha lámpada para aceite de oliveira das de émbolo. En 1880 colocóuselle unha lámpada para petróleo dunha mecha.

En 1911 axustáronselle ao seu aparello óptico un xogo de pantallas que xiraban accionadas por unha máquina de reloxería.

En 1934 automatizouse, substituíndo a lámpada por unha instalación de chama núa con escintilante AGA. Con estas reformas a nova aparencia quedaría en grupos de 3 lampos brancos cada 6 segundos.

É un edificio de planta cadrada, con cuberta a catro augas, elevado sobre unha plataforma de pedra protexida por un pequeno valo de pedra na parte que dá ao cantil. Apegada ao muro sur está unha torre de forma tronco piramidal e sección octogonal, rematada nun balconciño e unha lanterna sen cúpula acristalada

Faro da Illa Lobeira Grande

LOCALIZACIÓN: Illa Lobeira Grande 42° 52’ 55’’ lat. N. e 9° 11’ lonx. O.

CRONOLOXÍA: 1906

AUTOR: Salvador López Miño

SITUACIÓN XURÍDICA: depende da Autoridade Portuaria da Coruña.

ALTURA DO CHAN Á LUZ: 7,78m

ALTURA DA LUZ SOBRE O MAR: 15,78m>

CARACTERÍSTICA DISTINTIVA: aparencia dun grupo de 2 lampos brancos cada 14 segundos.

En agosto de 1904 a Dirección Xeral de Obras Públicas encarga un estudio para a construción na Lobeira Grande dos seguintes equipamentos:

  • Un edificio para acoller dous fareiros.
  • O baseamento da torre.
  • Limpeza de escollos na entrada máis abordable dun dos tres canais que dan acceso á pequena enseada preto do emprazamento do faro.
  • Construción dun embarcadoiro.
  • Camiño de servizo para unir o embarcadoiro coa vivenda e a torre.

proxecto é realizado polo enxeñeiro Salvador López Miño que o dá por rematado o 18 de febreiro de 1905. O 19 de outubro de 1905 encárgase un segundo proxecto no que a torre metálica é substituída por unha de sillería. López Miño remata a redacción deste proxecto o 4 de maio de 1906. Componse de dúas vivendas, dependencias ligadas ao funcionamento do faro, e dous alxibes exteriores. A torre é de forma tronco piramidal. A altura da súa luz achégase aos 16m sobre o nivel do mar, cun alcance de 11 millas. Inaugurouse o 15 de setembro de 1909 cun aparello de 4ª orde de 250mm de distancia focal. Contaba cunha lámpada de dúas mechas de nivel constante, que para tempo de brétema era axudada por outra de incandescencia por vapor de petróleo. Desde 1924 o faro atópase deshabitado, xa que para suplir ao fareiro púxose a funcionar unha instalación de acetileno con escintilante AGA e válvula solar, cambiándose a aparencia á do grupo de lampos cada 15 segundos, cun alcance en tempo medio de 11 millas.

Faro do Carrumeiro Chico

TIPO: Baliza de sinalización

SITUACIÓN: 42° 54’ 28’’ Lat. N e 9° 10’ 45’’ lonx. O.

AUTOR: Salvador López Miño

SITUACIÓN XURÍDICA: depende da Autoridade Portuaria da Coruña.

ALTURA DO CHAN Á LUZ: 7,78m

ALTURA DA LUZ SOBRE O MAR: 15,78m

ALCANCE DA LUZ: 11 millas (20km)

CARACTERÍSTICA DISTINTIVA: aparencia dun grupo de 2 lampos brancos cada 14 segundos.

A entrada ao porto de Corcubión, como importante enclave comercial e como lugar de refuxio para os barcos en caso de temporal, víase complicada pola presenza, por un lado, das Illas Lobeira e, por outro, polos baixos do Carrumeiro Grande e do Carrumeiro Chico, o que foi motivo de non poucos naufraxios.

O primeiro balizamento desta zona de baixos foi unha boia de campá instalada en 1863. Xa que un dos perigos deste lugar eran as néboas, decídese instalar este tipo de boia que é capaz de emitir un sinal acústico para alertar aos navegantes. Pero as rompentes que se forman no baixo cos temporais fixérona desaparecer.

En 1900, o empresario e político Plácido Castro Rivas, pediu ao Ministro de Fomento que se sinalizase de novo o baixo do Carromeiro Chico debido ao aumento do número de barcos de vapor que entraban na ría para fornecerse de carbón nos seus depósitos flutuantes. O Ministerio, despois de facer os estudos correspondentes, optou por sinalizar a zona cun trípode metálico. Tratábase dunha estrutura de pezas de sección circular de aceiro macizo, apoiadas sobre cubos de formigón de fraguado rápido, incrustados mediante furados na rocha, con forma de trípode a 10m de altura coroado por unha plataforma sobre a que se instalou unha esfera, quedado esta a 11,6m sobre o nivel do mar, sendo visible, con tempo claro, a unha distancia de 11,35 millas. A súa instalación finalizouse o 1 de setembro de 1903, pero aos poucos días, a causa dun forte temporal de vento e mar, foi derrubada. O 28 de febreiro de 1904, para substituír provisionalmente o trípode instalouse un bocoi pintado de vermello, pero tamén acabou desaparecendo do lugar o 14 de abril dese mesmo ano. Posteriormente, en 1907, fondeouse unha boia cónica en 23,3m de auga para balizar de forma provisoria o Carromeiro Chico. Esta permaneceu ata a construción da baliza definitiva, sufrindo as consecuencias dos temporais, que a barreron varias veces do seu emprazamento e volveu ser fondeada novamente.

Finalmente, despois de todos os intentos para sinalizar o Carromeiro Chico, tratouse de construír unha baliza capaz de aguantar os embates dos fortes temporais da zona. O proxecto para a súa construción foi redactado polo enxeñeiro Salvador López Miño, consistente nunha torre maciza troncocónica de formigón hidráulico revestida de sillaría, de 10m de altura, coroada cun círculo de 5,58m de diámetro, sobre o que se colocaría a iluminación. O proxecto para a instalación da luz foi redactado polo enxeñeiro Rafael de la Cerda. O primeiro corpo da baliza rematouse o 12 de xaneiro de 1916 e o segundo o 24 de outubro do mesmo ano. Para a posta en funcionamento da luz houbo que esperar ata o 11 de novembro de 1917. A este punto tamén se lle coñece como “O Cemiterio dos barcos Gregos”, pois houbo numerosos naufraxios nos seus arredores, destacando os dos vapores gregos Manoussis (1920), Constantinos Pateras (1922) e Mount Parnes (1935), entre outros.

Patrimonio etnolóxico

HÓRREOS

Os hórreos son, xunto cos muíños, as construcións funcionais máis importantes vencelladas á economía tradicional baseada no cultivo do gran. A súa orixe máis remota estaría nos sistemas empregados polos pobos castrexos para manter o gran seco e illado da humidade do chan: cestos levantados sobre pés ou pendurados. As primeiras referencias documentais son da época romana (Vituvio ou Plinio o Vello) sendo nos escritos de Varrón (século I a.C.) nos que aparecen descritos cunha feitura semellante á actual.

Como lugar onde se gardan os froitos do traballo de todo o ano, préstase gran atención á calidade dos seus materiais e á súa localización, para garantir unha boa aireación do gran. O hórreo é un fiel reflexo da situación económica do seu dono; a súa capacidade mídese polo número de pés. Pode ser de propiedade única ou compartida, polo cal se lle abren varias portas.

En Corcubión predomina o Hórreo de tipo Fisterra, aínda que en ocasións mesturado con elementos do tipo Noia.

En canto á función destes elementos hai unha ampla teorización sobre a súa función estética ou mítico-relixiosa. Segundo o estudo sobre o hórreo galego de Martínez Rodríguez, a presenza da cruz e outros emblemas relixiosos nos remates dos hórreos sería unha consecuencia máis da relixiosidade do aldeán galego que pon a colleita baixo a protección dos seus deuses aos que invoca consagrando o hórreo co símbolo da cruz ou outros similares.

Hai que sinalar a presenza de hórreos de albanelería feitos integramente en cemento en Redonda e na Oliveira. Son do tipo de hórreo non suspendido, senón que apoian sobre un celeiro das mesmas dimensións que a cámara.

En Corcubión hai censadas 14 construcións deste tipo.

MUÍNOS

Os primeiros muíños datan do Neolítico, son os chamados “muíños de man”, consistentes en dúas pedras de diferente tamaño. Deste sistema evoluciónase cara un muíño circular formado por dúas pedras, na que a superior (a Moa) xira sobre outra (o Pé) por medio do movemento realizado cun pao espetado nela.

Os muíños hidráulicos aproveitan a forza motriz do río para moer o gran, presentando dous tipos fundamentais:

  • De Bruia ou Aceas, coa roda motriz vertical.
  • De Rodicio, coa roda motriz horizontal. Estes son os máis antigos e numerosos, coñecidos tamén como muíños de regato. Este é o tipo de muíño que aparece en Corcubión.

Seguindo o curso do río Quenxe hai un total de seis muíños de pequenas dimensións.

En Redonda tamén se conservan unha serie destas construcións.

POMBAIS

O pombal é unha construción cunha funcionalidade practicamente ornamental xa que a rendibilidade económica das pombas é máis ben escasa. Soe aparecer como edificación anexa en pazos, casas grandes, mosteiros ou casas reitorais. As referencias mías antigas sobre a súa existencia en Galicia son dos séculos XIII, XIV e XV (a primeira representación gráfica coñecida aparece nas Cantigas de Santa María de Alfonso X).

Son construcións exentas, en lugares próximos e altos, con terreo seco, abrigados dos ventos dominantes e sen árbores ao redor para impedir o asentamento de aves de rapina. No Concello de Corcubión son unha arquitectura pouco numerosa, cun total de dous exemplares no núcleo urbano: no Campo de San Antonio e na Agra da Ribeira. Pertencen á tipoloxía de planta cilíndrica, cos muros perimetrais de cachotería de pedra, unha pequena porta de acceso e unha cuberta cónica de tella. A parte alta da parede remata nunha peza de pedra, o asoleirado ou soleira, sobre a que van uns pequenos buracos para a entrada das pomas.

CRUCEIROS

Os cruceiros son cruces de pedra que se colocan en diversos lugares, preferentemente en cruzamentos de camiños, adros de igrexas, ermidas ou mesmo en accesos a cemiterios, sempre en relación con lugares de culto.

Os cruceiros son unha das manifestacións máis xenuínas da arquitectura popular galega. O cruceiro é un obxecto sagrado, e o lugar onde está emprazado é tamén un espazo especial. Non é só un monumento estético ou ornamental, senón que é un obxecto de devoción e respecto.

En Corcubión temos unha grande cantidade de cruceiros que se poden admirar paseando polas rúas da vila e polo territorio municipal.

Cruceiro de San Marcos

LOCALIZACIÓN: Adro da Igrexa de San Marcos

Cruceiro de granito de tipo Crucifixo.

A plataforma atópase actualmente enterrada. O pedestal presenta unha forma octogonal no que se representan caveiras e tibias cruzadas simbolizando o Pecado Orixinal do que a humanidade se ve redimida polo sacrificio da Paixón de Cristo. O varal, de sección circular, leva unha decoración de estrías; o pedestal é cuadrangular e encadrado. O capitel, de sección cilíndrica, leva un astrágalo circular e liso, ábaco de lados rectos e un remate de volutas e flores.

A Cruz, de sección cuadrangular, presenta brazos con mediacana e remates florenzados. No seu anverso represéntase a Cristo Crucificado con tres cravos, inclinando a cabeza cara a dereita. As súas mans abertas amósannos os cravos da paixón. A cabeza vai cinguida coa coroa de espiñas. O pano de pureza vai anoado cara a dereita. Remata a cruz cunha cartela coa inscrición INRI (“Xesús Nazareno, rei dos xudeus”).

No reverso aparece esculpido o tema da Piedade, de composición romboidal, sobre unha peaña dun anxo con ás.

Cruceiro do Cemiterio Municipal

LOCALIZACIÓN: Cemiterio Municipal de Corcubión

Cruceiro de granito de tipo Crucifixo.

Este cruceiro procede do antigo cemiterio da Viña, pero en orixe, segundo indica Xoán Miguel Fernández, estaba no Campo do Rollo como consta en 1786. En 1902 pasou a mans do concello.

A súa plataforma é cuadrangular con dous graos. O pedestal é cuadrangular e liso e leva a inscrición “RENOV EN 1986”. O varal, de sección circular, vai decorado con estrías e boceis. O capitel é dunha orde xónica labrado cun toque popular.

A Cruz, de sección cuadrangular, ten brazos con chafráns e remates florenzados con botón central. No anverso represéntase a Cristo crucificado con tres cravos. Vai coroado polas espiñas, inclinando a cabeza cara a dereita e coas mans abertas. O pano de pureza aparece suxeito cunha corda. Remata a cruz coa cartela que leva a inscrición INRI. No reverso aparece representada a Virxe, en actitude orante coas mans recollidas diante do peito. A súa cabeza vai cinguida con coroa e apoiada sobre un querubín alado.

Cruceiro de Baldomar

LOCALIZACIÓN: Rúa Cruceiro de Baldomar.

Cruceiro de tipo Crucifixo de 1700.

A plataforma é cuadrangular e componse de catro graos. O pedestal ten unha forma cuadrangular na que aparece a seguinte inscrición: “ESTE CR° DE / BALDOMAR I SV MR / MARINA GS / ANO DE 1700”. Foi mandado erixir e pintar por Domingo de Baldomar, un mariñeiro de posición acomodada, e a súa muller, Marina González. O varal presenta unha decoración estriada e o capitel é de orde xónica.

A Cruz, de sección cuadrangular, ten os brazos con chafráns e remate florenzados con botón central. No anverso represéntase a Cristo crucificado, con tres cravos, coa coroa de espiñas e o pano anoado con corda cara a dereita. Remata a cruz coa cartela da inscrición INRI. No reverso hai unha representación da Virxe.

O 12 de xaneiro de 1909 sufriu a desfeita do escano superior, sendo reparado para quedar coa aparencia actual.

En función do tipo de remate, modelo de capitel, o pano de Cristo e a forma do anxo, Xoán Miguel González atribúe a súa autoría ao mesmo mestre canteiro ou obradoiro que fixo o cruceiro hoxe situado no cemiterio de Corcubión.

Cruceiro de San Antonio

LOCALIZACIÓN: Campo de San Antonio.

Cruceiro de granito de tipo Cruz, sendo dos únicos exemplos deste tipo no Concello.

A plataforma é cuadrangular, con cinco graos. O pedestal de forma troncopiramidal remata con bocel; leva unha inscrición corrida que resulta difícil reproducir xa que se atopa moi erosionada, podendo só ler claramente “ANO D 1719”. O varal octogonal comeza cadrado, levando paramentos recadrados. O capitel presenta unha forma troncopiramidal invertida.

A cruz é de sección cuadrangular, con brazos en chafrán e remates florenzados.

Cruceiro da Rúa das Mercedes

LOCALIZACIÓN: Rúa das Mercedes.

Cruceiro de granito de tipo Cruz. É dos anos 80.

A súa plataforma é cuadrangular e está composta por un único grao. O pedestal de forma cuadrangular continúa no varal, tamén cuadrangular, de fuste liso.

O capitel está conformado por dúas molduras planas horizontais unidas por unha escocia. A cruz, de esveltas proporcións, presenta brazos rectos e carece de calquera ornamentación.

Veu a substituír o cruceiro que se fixo cando se acondicionou este espazo, dentro dunha serie de intervencións levadas a cabo entre os anos 1968 e 1970 para optar ao “Premio Nacional de Turismo de Embellecimiento y Mejora de los Pueblos Españoles 1971”. Esta consistira en substituír o antigo xardín que alí había, pavimentándose a praciña, coa colocación do cruceiro e a restauración das fachadas dos edificios que pechaban este espazo.

Cruceiro de San Pedro de Redonda

LOCALIZACIÓN: Adro da igrexa de San Pedro de Redonda.

Cruceiro de granito de tipo Crucifixo.

Está erixido sobre unha plataforma cuadrangular de cinco graos. O pedestal, tamén cuadrangular, remata en chafráns. O varal de sección octogonal remata nun capitel cilíndrico composto de astrágalo circular e liso, ábaco de lados curvos e vértices chafranados. O capitel ten unha decoración a base de volutas e follas de bordes lobulados.

A cruz, de sección cuadrangular, ten brazos con chafráns e remates florenzados con botón central. No anverso aparece Cristo crucificado con tres cravos. O crucificado, coa coroa de espiñas, inclina a cabeza cara a dereita e ten os dedos pechados, aínda que deixa ver os cravos das mans e o pano de pureza vai anoado á esquerda. No reverso represéntase á Virxe en actitude de recollemento coas mans diante do peito e coroada. Vai sobre unha peaña dun anxo alado e coa lúa baixo os seus pés.

Na base aparece unha inscrición “ES E LO HISO / IV° DE MN POR / SV DVON ANO / DE 1689”. O historiador Xoán Miguel González establece que o nome da persoa que dedica é Juan pero non dá unha interpretación do apelido xa que non puido contrastar coas partidas sacramentais da parroquia, pois moita documentación deste tipo foi destruída nas incursións das tropas napoleónicas.

Cruceiro de San Roque

LOCALIZACIÓN: Campo de San Roque.

Cruceiro de granito de tipo Crucifixo.

A plataforma é cuadrangular con tres graos e carece de pedestal. O varal é de sección cadrada con chafráns na súa parte superior ornamentados cunhas pequenas bólas. O capitel é dunha forma cúbica de gran pureza.

A cruz é de sección rectangular. No anverso aparece o Cristo crucificado con tres cravos. Leva o nimbo crucífero, inclinando a cabeza cara a dereita. Viste o pano de pureza sen nós. A cruz remata nun pergamiño coa inscrición INRI. No reverso aparece a Virxe co neno no colo, coroada e sobre unha peaña. Esta representación podería tratarse, segundo X. Miguel González, dunha imitación da iconografía mariana do cruceiro de Santa María das Areas en Fisterra, xa que o de San Roque está ao carón da ruta de peregrinación ao santuario fisterrán.

A súa sinxeleza formal e estilística leva a pensar que este sexa o cruceiro máis antigo de Corcubión.

FONTES E LAVADOIROS

Fontes e lavadoiros públicos de Redonda

O 30 de setembro de 1906 o concello solicita á Deputación Provincial unha subvención para arranxar a fonte pública da vila e construír tres máis nos lugares de Quenxe, Redonda e Oliveira.

En xullo de 1908 sae a poxa a reparación e reforma da fonte pública da vila e a construción dun bebedoiro, así como a reparación das dos lugares de Redonda, Quenxe e Oliveira coa nova construción dun lavadoiro nas inmediacións de cada unha delas, axustándose ao proxecto formado por Juan Francisco Yánez, enxeñeiro da primeira circunscrición de camiños veciñais. Despois de tres poxas sen aparecer licitadores, en abril de 1909 Carlos Cobas, mestre canteiro de Cee, comprométese a tomar ao seu cargo as obras de reparación da arqueta de toma, renovación da tubaxe da fonte da praza da vila e construción dun bebedoiro de nova planta, así como a reparación das fontes públicas de Redonda, Quenxe e Oliveira e a construción dun lavadoiro nas inmediacións.

En canto á fonte e lavadoiro de O Vilar, as xestións para a súa construción comezaron en xullo de 1951, estando rematados e listos para inaugurar no período comprendido entre xullo de 1957 e xullo de 1958. O 50% do custo foi cuberto cun donativo de don Benigno Lago Estévez.

Tamén en 1963 o municipio recibe unha subvención para a construción dunha fonte-lavadoiro na Amarela, que era o único lugar do termo municipal que carecía destes servizos, rematándose en 1964.

Fonte da Praza de Castelao

As primeiras referencias documentais que se atopan sobre a fonte da praza da vila datan do 10 de xuño de 1857 con motivo da presentación do plano por parte de Francisco López Recamán para construír unha nova casa na área da fonte. Representa un tema de gran interese para a corporación e os veciños dado que é a única fonte pública da vila que por su abundancia y superior calidad es concurrida día y noche, tal e como se recollía no expediente de translación da fonte de 1857.

Convocados os veciños para inspeccionar a localización actual da fonte, a maioría coincide sobre a conveniencia de realizar esta obra, polo que o concello acorda, por unanimidade, o 15 de xuño de 1857 a translación do cano e da fonte da vila.

En 1891, ante a diminución do caudal da fonte, son necesarias unhas pequenas reparacións na fonte pública, no referente a reconstruír a súa arqueta cunha cantería máis sólida, cambiar a cañaría condutora da auga por unha de ferro galvanizado e inserila co seu sumidoiro de pedra, e que no burato de saída da auga se enchape unha lámina de ferro galvanizado en forma de regadeira.

En 1906 solicítase á Deputación Provincial unha subvención para o arranxo da fonte pública da vila e a construción de tres máis nos lugares de Quenxe, Redonda e Oliveira. A subvención é concedida ao ano seguinte para levar a cabo as obras, seguindo o proxecto do enxeñeiro Juan Francisco Yánez.

Despois dunha serie de puxas negativas o mestre canteiro Carlos Cobas toma ao seu cargo as obras consistentes na reparación da arqueta de toma, a renovación da tubaxe da fonte da praza e a construción dun bebedoiro de nova planta, aínda que este último, finalmente, suprimiuse xa que non satisfaría ningunha necesidade e podía rematar sendo un foco de infección se se utilizase para outros fins, como lavadoiro de roupa ou de peixe, por exemplo.

FESTAS

Festas de San Marcos

San Marcos é o patrón da vila de Corcubión.

A festa na súa honra celébrase o 25 de abril, día no que se saca a súa imaxe en procesión polas rúas da vila.

Festas de San Pedro de Redonda

A festa na honra de San Pedro celébrase o 29 de xuño. Non lonxe da igrexa de San Pedro ten lugar a romaría popular, no campo de San Roque, lugar onde se reúnen os veciños para comer e pasar un día de festa.

Área recreativa de San Pedro

Neste lugar é onde se celebra a tradicional romaría de San Pedro o 29 de xuño. Por outra parte é o lugar onde se atopa o albergue municipal de peregrinos, xestionado pola Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago. É un amplo campo onde se atopan algunhas mesas e bancos de pedra e no que se conta cun pequeno parque infantil.

Festas do Carme

En Corcubión, vila historicamente mariñeira, celébrase o 16 de xullo unha función relixiosa e unha procesión marítima na honra da Virxe do Carme. Dise que é unha das procesións marítimas máis antigas de Galicia. A ela achegábanse todos os mariñeiros da ría cos seus barcos engalanados. Durante a procesión, a Virxe é levada polos mariñeiros ata o peirao, onde se embarca para facer o percorrido pola Ría de Corcubión, facéndose tamén unha bendición das augas e unha ofrenda floral por todos os náufragos.

Mercado Medieval

O Mercado Medieval de Corcubión adoita celebrarse sempre durante a terceira fin de semana do mes de xullo, sempre que non coincida coa celebración da festa na honra á Virxe do Carme; neste caso celebraríase na fin de semana seguinte.

Durante esa fin de semana a vila convértese nun mercado medieval. Os veciños participan nesta festa vestindo roupas da época e gozando de todos os postos de venda e gastronomía que enchen as rúas do núcleo histórico da vila.

Se hai un lugar apropiado para a realización dun evento deste tipo ese é Corcubión.

Coa constitución do primeiro Reino Medieval europeo comeza a Idade Media en Galicia. Este período foi de grande importancia para o noso territorio, xa que é cando se comezan a definir os elementos que hoxe nos constitúen como nación. Deste xeito, na Idade Media a nosa cultura acadan un prestixio que fai do galego unha das linguas máis importantes de Europa.

Por outra parte, na Idade Media Galicia tamén era o centro dos reinos medievais peninsulares ata tal punto que á gran parte dos reis galegos denominábaselles tamén Emperadores, o que lles daba superioridade sobre outros reis peninsulares. Un destes Reis de Galicia que se autoproclamara Emperador foi Afonso VII, coroado Rei de Galicia en 1110 por Xelmírez na catedral compostelana e que recibira a súa educación no Mosteiro de Moraime en Muxía a cargo de D. Pedro Froilaz, Conde de Traba. Don Pedro, un persoeiro con grande influencia, representaba unha das liñaxes máis importantes de Galicia con orixe na Costa da Morte. Posuía o título de Conde de Galicia desde 1109 e fora educado na corte de Afonso VI. Isto dános unha pequena mostra do que representaba naquel tempo a nobreza galega e da forza que tiña no contexto medieval.

Nos últimos tempos da Idade Media adquire importancia unha familia descendente dos Traba que terá un papel moi importante na vila de Corcubión: os Moscoso, que acadan o título de Condes de Altamira nos últimos tempos do rei Henrique IV. Esta familia dálle un forte pulo a Corcubión ao instalarse nela en 1430 Rui Sanches de Moscoso, o seu fillo Rodrigo de Moscoso e a súa nora Xoana de Castro e establecer aquí a capitalidade xurisdicional para a súa defensa e tamén co fin de aproveitar o tránsito marítimo. E é que neste tempo é moi importante para Corcubión o seu porto, o máis occidental de Galicia e punto de parada obrigatoria para os barcos que continuaban ao sur ou ao norte, especialmente dende o século XIV, época de grande prosperidade na súa flota e nas súas frecuentes relacións comerciais con Italia e, especialmente, coa República de Venecia.

Os Condes de Altamira tamén fundaron un hospital de peregrinos en Corcubión para atender a aqueles peregrinos que viñan de Santiago de Compostela e se dirixían a Fisterra e a Muxía para visitar ao Santo Cristo e o Santuario da Virxe da Barca.

Esta e outra información sobre o Mercado Medieval de Corcubión pode consultarse na seguinte ligazón: https://www.mercadomedieval.info/gl

Festas das Mercedes

A festa na honra á Virxe das Mercedes celébrase o 24 de setembro. Trátase da última festa do ano na vila de Corcubión que serve para despedirnos do verán.

TRADICIÓNS

As Parrandas de Corcubión

As Parrandas eran unha das tradicións que tiñan lugar en Corcubión durante os meses de xuño e xullo. Os datos que coñecemos das parrandas témolos grazas á publicación duns artigos que o mestre da vila Don Juan Díaz Fernández publicou na Revista Nerio, editada en Corcubión en 1920. En varios artigos (números 2, 3, 5 e 8) explicou en que consistía esta peculiar tradición.

Non se sabe con certeza a orixe desta tradición, pois tras os ataques das tropas napoleónicas durante a Guerra de Independencia de 1809 perdéronse todos os arquivos parroquiais, do Concello e dos particulares, xa que o incendio de Corcubión ocasionado polos franceses, como di Don Juan Díaz Fernandez “no dejó en planta más edificio que una sola casa para que atestiguase a las generaciones futuras la ignominiosa perfidia de aquellos defensores de la Libertad, el Derecho y la Justicia”.

Segundo as publicacións deste mestre, durante os anos de celebración desta tradición, desde principios de xuño e ata o 25 de xullo a vila de Corcubión dividíase en dous bandos: Rio-Seco e Granada; o primeiro abarcaba a parte norte da vila e o segundo o extremo sur, a partir dun pequeno arroio que a atravesa. Ao anoitecer dos domingos e doutras festividades durante este período, as mozas de cada bando reuníanse acompañadas dos mozos que simpatizaban cun ou con outro bando e percorrían as rúas con pandeiretas, castañolas e outros instrumentos, dirixíndose coplas mutuamente, moitas das veces inxuriosas.

Pero era durante as festividades de San Xoán e San Pedro cando esta celebración chegaba ao máis forte. A véspera destes días reuníanse todos os de cada bando no seu respectivo campamento: os de Río-Seco no Cruceiro do atrio de San Antonio, chamado “Cabo da Vila”; os de Granada no Cruceiro do Campo do Rollo. Cando cada bando estaba no seu lugar correspondente, tomaba a presidencia “a reina da foliada”, que adoitaba ser a que mellor cantaba ou se distinguía polo seu entusiasmo na preparación do festival. Ao seu lado sentaban as mozas que formaban a súa corte de honra, chamadas fadas da festa, vestidas de branco con franxas de cores e todas levaban a súa pandeireta moi adornada, mentres que as que se encargaban de bailar levaban as castañolas. Os homes que pertencían á mariña vestían o traxe branco da Armada.

Cando xa estaba todo listo, acendíase a fogueira en cada bando e comezaba o baile. Ás doce da noite o bando de Granada levantaba o seu campamento e saía cos seus partidarios a percorrer as rúas da vila, con dirección ao bando de Río-Seco, cantando coplas en galego antigo e berrando, entre copla e copla, ¡Viva Granada! e ¡Abajo Rioseco! Cando ían chegando ao terreo inimigo, toda a foliada de Río-Seco e as cancións do bando de Granada chegaban ao seu momento máis álxido, xa que mentres uns cantaban coplas ofensivas, os outros respondían da mesma maneira, preparándose todos para botar fóra aos seus contrincantes se estes se atreveran a pasar os límites do Cruceiro.

Despois disto, o bando de Granada diríxiase de novo ao seu campamento. Cando xa ía pola metade do camiño de volta cara o Campo do Rollo, o barrio de Río-Seco abandonaba o seu campamento e diríxese ao bando contrario, cantando coplas que adoitaban ser unha contestación ás que lles cantaran os seus contrincantes anteriormente.

Ao chegar ao campamento de Granada ocorría o mesmo que no campamento de Río-Seco: este bando seguía o mesmo percorrido ao redor do Cruceiro do Campo do Rollo, pois se se chegase a pasar o límite entre o cruceiro e a fogueira podería ter lugar unha loita entre ambos bandos, que noutros anos teñen ensanguentado as rúas de Corcubión.

Para evitar posibles enfrontamentos, adoitaba ir o alcalde cos municipais e con toda a forza do posto da Garda Civil, encabezando ao primeiro dos dous bandos que acostumaba percorrer o camiño, deixando quedar unha parella ao pasar por Rioseco, e seguindo co resto ata o punto de saída, onde ao pouco tempo de ser sido visitados polo bando contrario era disolto pola autoridade.

Aínda así, a pesar de todas as precaucións, nun dos anos tivo lugar unha liorta entre os dous bandos que causou algún morto e outras vítimas, entre as que estaban un Garda Civil que perdeu unha perna e varios veciños que foron presos.

Os días de San Xoán e de San Pedro repetíanse os mesmos percorridos. Na tarde desta última festividade, ían os dous bandos a San Roque, onde se celebraba (e se celebra) a festa de San Pedro de Redonda. Cada bando ía por un camiño diferente e tamén en horas distintas, facendo as súas foleadas, e despois de bailar toda a tarde, cada bando na súa propia demarcación, iniciaba o regreso á vila o bando de Granada. Quince minutos máis tarde facía o mesmo o bando de Río-Seco, pasando polo campamento base do bando inimigo. Despois dalgún descanso, a festa continuaba nos cruceiros de ambos bandos ata as once da noite, momento no que facían o mesmo percorrido desde un campamento ao outro. Hai que dicir que a música do día de San Pedro era máis alegre que a música de San Xoán.

Despois do día de San Pedro a axitación freaba ata o 25 de xullo, día no que ambas parrandas embarcaban para cruzar a ría e dirixirse á parroquia de Ameixenda (Cee), onde se celebraban as festas do seu patrón, Santiago. Despois de pasar alí a tarde bailando e cantando con rivalidade, cando caía o sol ambos bandos deixaban de lado os seus antagonismos e abrazábanse, regresando á súa vila, cantando coplas alegres que duraban ata ben entrada a noite.

Neses artigos publicados polo mestre Díaz Fernández na Revista Nerio, este asegura non saber a ciencia certa a orixe desta tradición. É probable que sexa unha tradición medieval , de cando había dúas casas nobres que exercían o seu señorío nesta comarca e que, debido ás súas rivalidades e loitas políticas, tiñan tamén a vila dividida en dous bandos. Probablemente, estes dous señores serían, por un lado, o Arcediago de Trastámara, señor de Rioseco que exercía o seu dominio na parte norte de Corcubión, Cee e outros pobos e, por outra parte, o seu contrincante o Conde de Altamira e Granada, que dominaba na parte sur de Corcubión e nas parroquias de Sardiñeiro, Duio e Fisterra e noutras moitas do partido xudicial e de fóra.

Nestas publicacións, o mestre tamén comenta que se supoñía que a rivalidade entre ambos señores debía ter a súa orixe nas loitas que houbo no século XIV entre D. Pedro I, o Cruel, e D. Enrique II de Trastámara, por ser cada un de distinto partido. Disto dan conta as diferentes coplas que se cantaban e que facían referencia a estes sucesos. Conta a tradición que foi o matrimonio de dúas ramas de ambas familias a que trouxo a paz entre elas e os seus partidarios.

LENDAS

San Marcos da Cadeira

San Marcos é o patrón de Corcubión. Chámase “San Marcos da cadeira” porque se representa en actitude sedente.

Nesta imaxe vemos un home barbado, de idade avanzada, sentado nunha cadeira ornamentada flanqueada polos escudos dos Moscoso (cabeza de lobo) e os Castro (seis roeis). Con melena rizada, cóbrese cun bonete liso. Ten un libro aberto entre os xeonllos no que está a escribir con pluma. Leva unha túnica e un manto prendido cun broche en forma de roseta. Ten un león alado aos pés, símbolo que se corresponde co evanxelista San Marcos.

Conta a tradición que a imaxe chegou a Corcubión por vía marítima. Di a lenda que un día chegou a Corcubión un veleiro que entre o seu cargamento traía unha imaxe de San Marcos, imaxe que iría con destino a algún porto europeo. O motivo da entrada dese barco en Corcubión debeuse ao mal tempo. Pero unha vez que foi amainando o temporal, e cada vez que o barco intentaba continuar a súa travesía, o mal tempo comezaba de novo. Despois de varios intentos, a tripulación comezou a inquietarse e, ante un temor relixioso, conseguiron convencer ao seu capitán de que, quizais, deixando a imaxe de San Marcos en terra o temporal remitise. Finalmente, ao deixar a San Marcos en Corcubión o barco puido botarse de novo ao mar e continuar a súa viaxe.

Existe outra versión desta lenda que di que a imaxe era o mascarón de proa dun barco veneciano que os seus tripulantes tiraron ao mar, sendo recollida polos pescadores da vila que fixeron del o seu patrón.

Segundo un ex-administrador dos Condes de Altamira, esta imaxe procedía de Venecia. O historiador da arte López Vázquez afirma que se trata dunha talla gótica, da segunda metade do século XV, feita nun obradoiro escultórico italiano. Hai probas de que os navíos venecianos e xenoveses chegaban forzados aos portos da Costa da Morte seguindo a ruta comercial a Flandes, así como tamén os buques da nosa zona se desprazaban aos mercados de fretes de Xénova. Os símbolos heráldicos que aparecen na imaxe correspóndense cos Moscoso e os Castro e é moi probable que a talla chegase de Italia, xa que os Condes tiveron familiares que desempeñaron cargos políticos e militares naquelas terras.

A Furna de Don Liborio

Ao pé dos cantís onde se localiza o Castelo do Cardeal existe unha furna con tres entradas coñecida como A Furna de don Liborio.

A lenda conta a existencia dun pasadizo soterrado que conduce da fortaleza á furna e que, entre outras funcións, era utilizado para arroxar os cadáveres dos condenados ao mar.

Durante os traballos de reparación que se estaban a realizar no castelo como consecuencia da guerra contra os franceses de 1809, os operarios comezaron a oír uns queixumes que saían pola fenda dun dos muros. Levados pola curiosidade derrubaron parte do que resultou ser un falso tabique e atoparon unha escena macabra. Correron abraiados a comunicarllo ás autoridades, que se trasladaron ao lugar e comprobaron, tras derribar o muro, a existencia dun corpo momificado que fora emparedado e que presentaba un terrorífico aspecto.

Decidiron descolgar o cadáver para examinalo. O forense, ao practicar a autopsia, observou que de entre os farrapos do defunto asomaba, colgado dunha pequena cadea, unha bocha de cristal que no seu interior contiña un manuscrito. Un dos presentes leu o documento en voz alta, que resultou ser a sentenza que explicaba o cruel castigo. O corpo correspondía a don Liborio, un próspero home de negocios que vivía en Corcubión a mediados do século XVIII.

Un malfadado día, don Liborio foi acusado como sospeitoso da morte da filla dunha criada. A moza chamábase Hermelinda, e contan que era a criatura máis bela e encantadora que naceu na vila en moitos anos. O seu cadáver apareceu agochado entre os muros dun cortello encostado á vivenda de don Liborio. Tras ser sometido a un duro interrogatorio, foi declarado culpable do asasinato da doncela e, en reciprocidade ao seu terrible delito, condenando a morrer emparedado.

Despois de debater, os alí presentes decidiron desfacerse dos restos do emparedado. Meteron nun caixón o finado e arroxárono polo túnel que leva até a furna ao pé do mar. De alí a pouco, mentres o cadáver afundía nas augas, oíuse un queixume aterrador e unha luz cegadora que saíu do interior da furna iluminando a noite toda. A medida que o caixón cos restos de don Liborio afundían no mar o queixume e a luz cegadora foron esvaecendo.

Nas duras noites de inverno, cando o bravo temporal azouta con forza a Costa da Morte, escóitase aínda o desesperado queixume do desventurado don Liborio que clama con ira contra a inxusta sentenza. A súa cólera acouga cando emerxe do mar unha luz cegadora que penetra na furna. Moitos din que esa luz non é outra que a alma da bela Hermelinda que chega do outro mundo para reconfortar ao coitado don Liborio.

Patrimonio industrial

Fábricas de salgadura

Tal e como explica Santiago Llovo Taboada nas primeiras páxinas do seu libro As salgaduras de Carnota, a comezos do século XIX era frecuente chamar almacéns ou fábricas de sardiña ás fábricas de salgadura. Isto era debido a que a sardiña era o principal produto que contribuíu ao desenvolvemento económico da zona costeira galega, se ben tamén se secaban e afumaban outros peixes coma o congro, a pescada ou o polbo.

Na transformación da nosa costa tiveron moito que ver os chamados fomentadores cataláns, que xa desde mediados do século XVIII foron chegando ás nosas rías. Nun principio viñan só traballar durante a temporada da sardiña, regresando despois á súa terra co produto elaborado. Pero xa a finais do século XVIII e principios do XIX os cataláns empezaron a construír compañías para explotar a sardiña e asentáronse en Galicia construíndo salgaduras de pedra, aínda que, ao principio, instaláronse en lugares onde xa había algunha actividade pesqueira e que contaban con boa defensa, como era o caso de Muros, Fisterra ou Corcubión.

Unha construción tradicional de salgadura adoitaba contar coa vivenda á fronte, a salgadura cos píos nun lateral e o sistema de prensado (“o morto”) no outro, separados por un espazo que se chamaba “claro”. Cando as lanchas e galeóns varaban nas praias ou atracaban nos pequenos peiraos, carrexábase o peixe ata a salgadura e envorcábase nos píos, que nun principio eran redondos e de madeira, pero xa máis adiante, coa chegada dos cataláns, pasaron a facerse de grandes lousas de granito.

O sistema tradicional galego de conservación da sardiña en sal requiría o seu escochado (sacar a cabeza e as tripas ás sardiñas, unha a unha), aínda que o salgado era diferente dependendo da súa finalidade: se era para autoconsumo do mariñeiro e da súa familia salgábase e deixábase nos píos ata que se consumía; se era para a venda, despois do seu escochado e lavado, a sardiña tiña que estar nos píos con sal durante vinte e catro horas e, despois, colocábase nos tabais por capas alternando con sal e sen prensar. En cambio, co sistema introducido máis adiante polos cataláns xa non era preciso o escochado da sardiña, senón que esta colocábase enteira nos píos que estaban mediados de auga con sal (o que queda claro era que con calquera dos dous sistemas o que se precisaba era unha gran cantidade de sal). Despois de estar a sardiña nos píos en salmoira o tempo correspondente, extraíanse, lavábanse e ensarillábanse; a continuación introducíanse ordenadamente nos tabais e, de seguido, prensábanse.

En canto as fábricas de salgadura en Corcubión, sábese que existían, polo menos catro na zona de Quenxe, unha en Boca do Sapo, unha na Illa Lobeira Grande e varias na vila. O que non se sabe con certeza é se todas chegaron a funcionar, como é o caso, por exemplo, do edificio que ata hai uns anos albergaba o Museo Marítimo Seno de Corcubión. Este edificio foi construído, inicialmente, como fábrica de salgadura, mais non hai constancia de que funcionase como tal.

Fábricas de salgadura de Quenxe

LOCALIZACIÓN: Praia de Quenxe.

CRONOLOXÍA: anterior a 1870.

ESTADO DE CONSERVACIÓN: malo.

USO: abandonado.

Fábrica de salgadura de Boca do Sapo

LOCALIZACIÓN: Boca de Sapo (parroquia de Redonda).

ESTADO DE CONSERVACIÓN: moi malo.

USO: abandonado.

Fábrica de salgadura da Illa Lobeira

Na Illa Lobeira Grande, ademais do faro e da casa do fareiro, hoxe abandonado, tamén quedan, ao sur da mesma, os restos dunha fábrica de salgadura da que se conservan medias paredes de pedra.

Estaleiros

En Corcubión tamén foi frecuente a botadura de barcos en séculos pasados. Un dos estaleiros que existiron neste municipio foi o que era propiedade da Compañía General de Carbones, situado na praia de Quenxe, lugar onde tamén se localizaban algunhas das fábricas de salgadura do municipio e das que aínda se poden ver os seus restos. Unha das botaduras máis coñecidas é a do pailebot Julita. Esta embarcación de 300 toneladas botouse á auga o 27 de setembro de 1920, dentro do programa de festas das Mercedes, xa que a Compañía General de Carbones quería contribuír a un maior esplendor das celebracións. Foi construído nos estaleiros que esta sociedade tiña en Quenxe e o encargado de tal obra foi o mestre José Vázquez Iglesias, Palletas. A madriña deste acontecemento foi a filla do xerente en Galicia da Compañía de Carbones, que tamén se chamaba Julia.

Ademais do pailebot Julita tamén se construíron outros barcos, como o vapor Tritón (utilizado para transportar os operarios aos pontóns), as gabarras San José, Ameijenda, Pindo, etc.

Pero con anterioridade e neses mesmos terreos (cando o estaleiro aínda non era propiedade da Compañía General de Carbones) hai constancia da construción doutras embarcacións de vela. Algúns exemplos son o quechemarín San Pablo (1865) ou a goleta Camila en 1829 (reconstruído, posteriormente, coa madeira e cravos do buque inglés The Great Liverpool, naufragado en Caneliñas). Case 60 anos despois, Camila deixou de navegar e aproveitáronse os seus cravos de cobre para construír o balandro chamado Méndez Núñez. Este balandro era propiedade de José González Cereijo, un dos pioneiros en Galicia na recuperación e salvamento de buques naufragados. Este home tiña un almacén na praia da Viña que utilizaba para o comercio e o depósito dos restos dos buques que recuperaba ou despezaba. Contaba cun peirao de madeira para o servizo das súas embarcacións. González Cereijo contaba con varias embarcacións, sendo dúas delas o mencionado Méndez Núñez e o Argonauta. Foi precisamente no lugar onde se localizaba o almacén de José González Cereijo onde, posteriormente, estivo en funcionamento outro dos estaleiros que houbo en Corcubión para a reparación de barcos ata finais dos anos noventa. Hoxe aínda se poden ver os restos deste estaleiro da praia da Viña.

Tamén en 1888 botouse un iate de recreo e viveiro de lagostas, embarcacións moi comúns naquela época para o transporte de lagostas vivas, as cales eran moi abundantes na Costa da Morte e era un produto moi exportado, sendo Plácido Castro Rivas un dos empresarios que se beneficiou deste negocio.

Outro dos estaleiros localizábase na que era coñecida como a Casa de Lla, unha antiga fábrica de salgadura que contaba cunha fonte no centro do seu patio, sendo as propiedades das súas augas consideradas como moi efectivas para combater moitas enfermidades. Esta propiedade pasou por varias mans ata que, nos anos cincuenta, foi comprada por Benigno Lago Estévez. Despois de levar varios anos inactiva, Lago volveu abrir a casa e construíu una nave (encostada á antiga fábrica de salgadura) que funcionou como estaleiro. Xa nos anos setenta, a Casa de Lla foi derribada debido á urbanización da zona na que se localizaba, polo que hoxe en día non se conservan os restos desta propiedade.

Patrimonio subacuático

NAUFRAXIOS

De sobra son coñecidos os numerosos naufraxios que aconteceron na Costa da Morte ao longo do tempo. Algúns por temporais, outros por avarías, o certo é que son moitos os restos de buques que se localizan no fondo das nosas costas.

Na ría de Corcubión tamén foron numerosos os naufraxios. É de destacar a zona do Carrumeiro Chico, coñecida como “O Cemiterio dos barcos gregos” polos diferentes afundimentos de vapores desta nacionalidade, como o Manoussis (23 de maio de 1920), Constantinos Pateras (10 de maio de 1922), Maria Kastanou (maio de 1930) ou Mount Parnes (14 de febreiro de 1935). Ademais destes buques gregos, houbo naufraxios neste lugar de barcos doutras nacionalidades entre os que destacan o ruso Marie (28 de xaneiro de 1910), o noruegués As Langford (23 de outubro de 1907) ou os ingleses Rosalie (7 de outubro de 1905) e Albión (2 de maio de 1908).

De entre os barcos afundidos nas augas que rodean Corcubión son de destacar os seguintes:

  • O galeón San Jerónimo, pertencente á Armada de Padilla, afundiu na Punta do Diñeiro (entre o Cabo Cee e o Cabo da Nasa), en 1595.
  • A balandra inglesa Abeana: entrou de arribada a finais de xaneiro de 1821 e afundiu o día 8 de febreiro cando intentaba facerse de novo á mar na costa de Redonda.
  • A balandra francesa Societé de Saint Malo afundiu o 23 de setembro de 1822 na costa de Redonda. Neste suceso faleceu o capitán, cuxo cadáver apareceu na praia de A Mariña, onde foi enterrado.
  • O bergantín asturiano Arrogante afundiu o 7 de abril de 1856 nas inmediacións da Punta de Quenxe. A súa tripulación foi socorrida nunha das fábricas de salgadura que había na praia, propiedade de don Agustín Sagristá.
  • A brick-barca portuguesa Rio Ave, afundida entre A Mariña (pasando o Cabo Cee) e o Cabo da Nasa o 4 de xaneiro de 1857.
  • O laúde español, de matrícula de Villajoyosa, chamado Joven Ignacio, afundiu o 8 de novembro de 1871. Esta embarcación entrou con lume na súa carga de carbón e para intentar salvalo foi varado na praia de Corcubión; pero como o lume non se apagaba a solución foi facerlle uns barrenos no casco para que entrase a auga, polo que finalmente quedou somerxido.
  • A corveta española Sisarga, con matrícula de Coruña, varou na Punta de Quenxe despois de entrar na ría con avarías. Na madrugada do 3 ao 4 de febreiro de 1872 quedou de novo a flote e á valga, pero acabou afundíndose nas inmediacións do novo peirao.
  • O vapor inglés Derwentwater afundiu o 14 de novembro de 1890 na Illa Lobeira.
  • O bergantín-goleta María Joaquina, de bandeira española e matrícula de Vigo, afundiu a principios de xaneiro de 1895 na Illa Lobeira.
  • O vapor Nuestra Señora del Carmen, perdido o 3 de novembro de 1901 nunha zona preto do Cabo Cee, entrou na ría para facer carbón e, tras tocar fondo, producíuselle unha vía de auga que causou, finalmente, o seu afundimento.
  • O vapor grego Polynnia afundiu na Illa Lobeira o 11 de xuño de 1904.
  • A goleta María Segunda, con matrícula de Muros, foi arremetida polo vapor noruegués Reim cando ambos abandonaban a ría nas proximidades do Carrumeiro Grande o 15 de xullo de 1910. Non houbo vítimas, mais este último vapor non prestou axuda á tripulación que conseguiu poñerse a salvo nun bote que levaban a bordo.
  • O vapor inglés Cisneros entrou en Corcubión o 4 de abril de 1925 cun incendio a bordo de grandes proporcións. Foi varado preto da praia da Seca, na veciña vila de Cee (enfronte de Corcubión). Debido ao alcance do incendio quedou inservible para a navegación, polo que foi, finalmente, despezado na praia de Corcubión, entre as escaleiras que hai preto do peirao e o recheo.
  • O vapor inglés County of Cardigan traía unha vía de auga e o capitán, para intentar salvalo, embarrancouno nas inmediacións do Cabo Cee o 20 de maio de 1925. Viña cargado con 500 toneladas de millo procedente de Braila (Rumanía). Nos días posteriores o temporal fixo que o mar lle causase graves danos no casco que fixeron imposible o seu salvamento; aínda así, puido recuperarse parte da carga de millo.
  • O pontón Sorrento, unha antiga corveta italiana usada como depósito flotante de carbón, foi a pique no mes de xaneiro de 1927 no seu fondeo por unha vía de auga, estando cargado de carbón, preto da Punta de Quenxe. Os restos aínda se atopan no mesmo lugar no que afundiu.

Museo Marítimo Seno de Corcubión

O Museo Marítimo Seno de Corcubión atópase pechado desde hai varios anos. Aínda así, está localizado nun singular edificio que merece unha mención.

Este museo está situado ao lado da praia de Quenxe e a súa finalidade era recuperar, conservar e divulgar o patrimonio histórico-marítimo da zona xeográfica comprendida polo denominado Seno de Corcubión.

Este edificio foi construído no século XIX, inicialmente, para ser unha fábrica de salgadura de peixe. Como outras moitas fábricas de salgadura, ten unha estrutura rectangular disposta en torno a un patio central descuberto que serviría para a recepción e preparación do pescado.

Xa a comezos do século XX instalouse neste edificio a Compañía General de Carbones, o cal implicou a posta en marcha de organismos oficiais na zona, tales como aduanas, sanidade exterior e salvamento marítimo.

Unha vez que diminúe a comercialización do carbón, o edificio reutilízase como estaleiro para a construción de barcos de madeira.

A idea de crear un museo do mar nace no ano 2000 nunha reunión presidida por Marcelo Castro Rial e membros das corporacións municipais de Corcubión, Cee, Carnota, Dumbría e Fisterra. A primeira apertura ao público realizouse nese mesmo ano coincidindo coa festividade das Mercedes. A inauguración oficial do recinto tivo lugar o 6 de outubro de 2001.

Este museo albergaba unha gran cantidade e variedade de pezas procedentes das embarcacións que se construíron ou navegaron no século XX no “Seno de Corcubión”, dende o Cabo Fisterra ata Punta Insua (Carnota), así como plantillas de madeira (gálibos), planos de construción e cartas náuticas. Todos estes fondos dividíanse nas seguintes coleccións:

  • Bitácoras
  • Agullas magnéticas
  • Outros instrumentos náuticos
  • Cartas náuticas
  • Planos
  • Equipos de radiocomunicación
  • Equipos de radionavegación
  • Equipos de detección (radares e sondas).
  • Equipos de salvamento marítimo.
  • Farois
  • Maquetas e siluetas
  • Buzo
  • Carpintería de Ribeira
  • Motores
  • Rodas de goberno
  • Maquinaria de cuberta

Camiño de Santiago

A peregrinación a Santiago de Compostela foi o feito cultural e relixioso máis destacado da Idade Media, algo recoñecido tamén polo Parlamento Europeo, que declarou o Camiño de Santiago como o Primeiro Itinerario Cultural Europeo, e pola UNESCO, que o declarou Patrimonio da Humanidade.

O descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago tivo lugar a comezos do século IX e poñía fin a unha tradición oral e escrita que situaba ao Apóstolo Santiago o Maior como evanxelizador en terras da antiga Hispania despois da morte de Xesucristo. O Códice Calixtino ou a Lenda Áurea afirman que tras a decapitación do Apóstolo por Herodes Agrippa no ano 44, o seu corpo sen vida foi trasladado por dous rapaces discípulos seus, nun barco tripulado por anxos que cruzou o Mediterráneo e subiu pola costa de Portugal ata chegar ao porto de Iria Flavia. Alí, despois dunha serie de feitos milagrosos, Santiago foi sepultado no Monte Libredón. Conta a tradición que, case oitocentos anos despois, un ermitán viu unhas luces celestiais que o levaron ata aquel lugar onde descubriu o que alí había. Avisou deste feito a Teodomiro, bispo de Iria e o Rei Afonso II fixo construír unha pequena igrexa que deixou baixo o mando de monxes beneditinos. Pero xa eran moitos os fieis que naqueles tempos se achegaban á tumba do Apóstolo, polo que xa antes de rematar o século IX, Afonso III mandaba construír unha igrexa maior para poder acollelos a todos.

Multitudes de peregrinos comezaron a chegar para visitar os restos do Apóstolo, sobre todo despois das invasións turcas que fixeron que se interrompera a peregrinación a Xerusalén, xusto na época na que en Santiago se estaba a construír a catedral románica (ano 1078). Produciuse daquela, entón, o auxe da peregrinación a Compostela, consolidándose así o Camiño de Santiago, a ruta máis promovida e mellor dotada por reis e autoridades eclesiásticas.

O Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía.

Hoxe en día existen multitude de Camiños que nos levan ata Santiago de Compostela. Aínda que os primeiros peregrinos do século X percorreron o que hoxe se coñece como Camiño do Norte, existen outros Camiños que teñen como meta a tumba do Apóstolo Santiago. En Galicia, os Camiños a través dos que podemos chegar a Santiago son: o Camiño Francés, o Camiño Primitivo, o Camiño do Norte, o Camiño Inglés, a Vía da Prata ou Camiño do Sueste, o Camiño Portugués, o Camiño Portugués da Costa, o Camiño de Inverno e a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla. Ademais destes, contamos co Camiño de Fisterra e Muxía, único tramo que non remata en Santiago, senón todo o contrario. Neste caso a orixe é Compostela e a meta son os santuarios do Santo Cristo de Fisterra e da Virxe da Barca en Muxía. O motivo da existencia deste Camiño debe buscarse nas raíces precristiás que consideraban que esta ruta conducía ata o extremo occidental do mundo coñecido, ao lugar onde o sol desaparecía, de aí que A Costa da Morte reciba, precisamente, ese nome, por ser a costa da morte do sol, ou por ser onde morría a terra coñecida. É de mencionar que, polo menos desde a Alta Idade Media, o finis terrae aparece na tradición xacobea. A demostración témola no Códice Calixtino (s. XII), que o inclúe entre os lugares do traslado a Galicia do corpo do Apóstolo. Isto motivará a construción do santuario do Santo Cristo de Fisterra. O mesmo ocorreu co Santuario da Virxe da Barca, en Muxía, considerando este lugar como o máis extremo ao que chegou o Apóstolo predicando, motivo polo que se lle apareceu a Virxe María nunha barca de pedra para darlle ánimos na súa predicación. Estes feitos fixeron que ámbolos dous santuarios se convertesen en lugar de peregrinación despois de visitar a tumba do Apóstolo en Santiago de Compostela.

Foi moi grande o número de peregrinos e viaxeiros europeos que chegaban a Fisterra e Muxía desde Santiago, o cal amosou a forte tradición mística e máxica do lugar. Este atractivo segue vivo hoxe en día, pois o Camiño a Fisterra e Muxía é o segundo itinerario xacobeo máis concorrido despois do Camiño Francés pero, aínda así, a Igrexa non o recoñece como Ruta Xacobea porque a súa meta non está en Santiago, de aí que non se dispense a Compostela pola súa realización.

O Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía por Corcubión

Na Costa da Morte podería ter a súa orixe o mito xacobeo, pois ao ser estas terras o lugar onde remataba o mundo coñecido tiñan un forte atractivo para ser visitadas, motivo polo que se ten apuntado que nesta viaxe precristiá ao fin do mundo coñecido podería estar a orixe remota do propio Camiño de Santiago, pois ata as nosas costas chegou o Apóstolo Santiago, de aí que resulte lóxico que a Ruta Xacobea se prolongue ata Fisterra e Muxía.

Desde Santiago distínguense catro etapas para realizar esta prolongación do Camiño: Santiago – Negreira (pasando polo Alto do Vento, Mar de Ovellas e A Ponte Maceira); Negreira – Olveiroa (pasando por Zas, O Cornado, Santa Mariña e Lago); Despois destas dúas etapas pódese decidir ir primeiro a Muxía e despois a Fisterra ou ir primeiro a Fisterra e despois a Muxía. No caso da primeira opción, as dúas etapas restantes serían: Olveiroa – Muxía (pasando por Hospital, Dumbría, Senande e San Martiño de Ozón); e Muxía – Fisterra (pasando polo Facho de Lourido, Lires, e Castrexe (Praia do Rostro)). De decidir ir primeiro Fisterra e despois a Muxía, habería que facer a terceira etapa: Olveiroa – Fisterra (pasando por Hospital, Cee e Corcubión) e a cuarta etapa: Fisterra – Muxía (pasando por Castrexe, Lires e o Facho de Lourido).

Polo tanto, o paso do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía por Corcubión estaría dentro da etapa Olveiroa – Fisterra. Neste caso, no lugar de Hospital (Dumbría), o Camiño divídese en dous: un a Muxía e outro a Fisterra. Escollendo ir en dirección Fisterra chégase ata Corcubión, vila á que se entra desde Cee e desde onde restarían 14 quilómetros para chegar ata o Faro de Fisterra.

Unha vez que se sae de Cee e se entra en Corcubión, atopámonos, á man dereita, co inicio dunha costa empinada cun panel informativo sobre o percorrido do Camiño de Santiago cara Fisterra ao seu paso por Corcubión. Observamos dúas alternativas:

a) O itinerario tradicional, subindo por esa costa empinada (Rúa Cruceiro de Valdomar), continuando pola Rúa Alameda (seguindo sempre pola nosa esquerda), baixando pola Rúa Rafael Juan, seguida da Rúa Antonio Porrúa, ata chegar á Praza de Castelao.

b) Continuar pola estrada principal, bordeando o mar, ata chegar á Praza de Castelao, a cal atoparemos a nosa dereita, fácil de identificar pola existencia na mesma de varias palmeiras.

Dunha vez que se chega á Praza de Castelao, o Camiño continúa cara a esquerda, subindo pola Rúa San Marcos ata chegar á igrexa, situada na Praza Párroco Francisco Sánchez. Unha vez aquí continuamos cara á dereita, pola Rúa das Mercedes, ata chegar ao parque infantil, situado no Campo do Rollo.

Neste punto, as indicacións do Camiño lévannos a cruzar a praza onde se sitúa o parque e, seguindo as cunchas amarelas, debemos comezar a adentrarnos no monte pola Rúa Fontiñas. Ao final desta subida empedrada, chegamos a unha pista de terra na que debemos xirar á esquerda e subir outro pequeno tramo. Ao final desta subida, continuamos camiñando cara á esquerda polo Camiño Z ata chegar ao lugar de O Vilar, en onde atoparemos un lavadoiro e unha fonte á nosa esquerda.

Deixando ese lavadoiro á esquerda, continuamos pola dereita (de baixar á esquerda volveriamos de novo á vila), seguindo o asfalto ata chegar á estrada principal (a AC-445). Cruzamos esta estrada con precaución e encontrarémonos, á esquerda, a zona recreativa de San Roque, onde se localiza tamén o Albergue Municipal de Peregrinos de, xestionado pola Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS). Desde este albergue vese a sinalización do Camiño para continuar cara Fisterra, que nestes últimos quilómetros faise pola estrada en moitos tramos.

Unha vez que se chega ao centro de Fisterra hai que continuar en dirección ao faro. Desde alí pode proseguirse co Camiño de Fisterra a Muxía.

Para obter a Fisterrana (documento que acredita que se chegou a pé desde Santiago ata Fisterra, hai que dirixirse á Oficia de Turismo e de Atención ao Peregrino, situada na Praza da Constitución (Fisterra).

Antigo Hospital de Peregrinos de Corcubión

Proba da existencia do Camiño desde Santiago ata Fisterra e Muxía foi o feito de construír hospitais para atender os viaxeiros neste percorrido, o cal posibilitou a súa continuidade e demostra, así mesmo, o atractivo que tiña. Existen moitas referencias feitas a este Camiño por parte de peregrinos en séculos pasados, como foi o caso de Jorge Grissaphan (cabaleiro maxiar do século XIV que chegou ata Fisterra), o peregrino alemán Sebastian Ilsung que a mediados do século XV chegou a Muxía, ao igual que o fixo o bohemio Leo de Rozmithal (1466), o dominico alemán Felix Faber (1480) e o polaco Nikolaus von Popplau (finais do século XV). Xa no século XVI, o veneciano Bartolomeo Fontana chegou a Fisterra e, no XVII, o clérigo boloñés Domenico Laffi tamén finalizou a súa viaxe en Fisterra.

Por todo isto é lóxico que se construísen hospitais de peregrinos nos lugares por onde pasaba este Camiño. No caso de Corcubión o hospital de peregrinos situábase na actual vivenda co número 16 da Avenida da Mariña, que é, ademais, das vivendas máis antigas que se conservan en Corcubión. Está documentado que en 1431 os señores da Xurisdición de Corcubión, don Rodrigo de Moscoso e dona Xoana de Castro, fundaron un hospital onde hoxe se sitúa esta vivenda para acoller os peregrinos que pasaban por Corcubión para visitar o Santísimo Cristo de Fisterra e a Nosa Señora da Barca. Os Condes asignáranlle unhas rendas que naquela época eran suficientes para o seu mantemento.

Xa nos primeiros anos do século XVIII afirmaba don José Isla de la Torre no seu Compendio del Estado de Altamira que as rendas deste hospital estaban moi deterioradas, tanto que o gremio de mareantes destinou a quinta da sardiña en varias ocasións para o sustento deste hospital (a quinta da sardiña era a doazón que facían os mariñeiros do importe que gañaban pola pesca da sardiña os días do Espírito Santo, San Pedro e Todos os Santos).

Posteriormente, xa en 1809, durante a guerra contra os franceses os baixos deste edificio utilizáronse como almacén de polvoreira. No ataque que sufriu Corcubión por parte das tropas napoleónicas o 13 de abril de 1809, día no que arrasaron e destruíron a vila por completo, esta casa tampouco se salvou de ser incendiada. O incrible é que vendo a casa en chamas, algúns mariñeiros da vila non o dubidaron e entraron para intentar evitar que saltase todo polo aire, sacando as vigas de madeira ardendo polas ventás e conseguindo, finalmente, evitar que toda a munición que estaba gardada alí dentro estoupase e causase unha desgraza maior que a propia situación que xa se estaba a vivir naquel momento.

O máis curioso é que os muros orixinais desa casa foron encalados para o seu mantemento e, afortunadamente, chegaron ata os nosos días.