Historia de Corcubión

Corcubión, terra de sosego e bravura

Orixes de Corcubión

Apenas existe información sobre tempos tan afastados, pero case se pode afirmar con seguridade que o home cuaternario viviu en Galicia nas épocas glaciarias e interglaciarias. Do período entre o Paleolítico e o Mesolítico quedaron restos de industrias líticas e de poboamentos que parecen máis intensos en zonas costeiras.

Xa na Idade de Bronce comeza a desenvolverse o que se coñece como “Cultura Castrexa” , da que hoxe en día temos como vestixios os petróglifos, pinturas rupestres sobre rochas graníticas.

Esta Cultura Castrexa cobra máis importancia avanzada a Idade de Ferro, momento no que se desenvolve unha agricultura caracterizada polo cultivo de cereais e pola recolección de froitos silvestres. Tamén a caza e a gandería son moi destacadas para a vida destas comunidades. Por outra parte, a vida comercial comeza a ter gran esplendor, sobre todo nas zonas costeiras: é a época dos intercambios atlánticos. Desta época o máis característico son os castros, o lugar onde se reunía e moraba o home castrexo.

O castro era un recinto fortificado de forma ovalada ou circular amurallada, que normalmente ía precedido dun foxo e acostumaba estar situado nun sitio alto. No noso municipio quedan vestixios do que fora un castro. Este está situado na zona de Oliveira e denomínase “Castro de Quenxe”. Localízase nun sitio alto, pero preto da zona costeira. Neste tipo de castros o mar tiña un papel importante, xa que lles supoñía unha vantaxe máis á hora de buscar alimento.

Hai teorías que aseguran que o castro de Quenxe, xunto co de Castromiñán e Duio forman un semicírculo co Promontorio Céltico (Cabo Fisterra) e poderían ter como acometido a defensa da baía, do veciño Monte Pindo (onde se situaba o Olimpo Céltico) e do mesmo Promontorio (onde se erguía o Ara Solis, altar dedicado ao deus Sol). Estes dous últimos lugares eran sagrados para os celtas e romanos. Tamén quedan referencias na toponimia local que farían referencia á existencia doutro castro que estaría situado nas proximidades do Cabo da Nasa; sería tamén un castro costeiro dende onde se dominaba todo o “arco” de Fisterra.