Historia de Corcubión
Corcubión, terra de sosego e bravura
A Idade Moderna
A partir do século XVIII instálanse en Corcubión as industrias de salgadura, con capital de familias nobres e burguesas catalás, actividade que se consolidou xa no seguinte século. Na ría de Corcubión está documentada a súa presenza dende 1755.
Para defender a ría dos ataques do exterior construíuse no século XVIII o Castelo do Cardeal en Corcubión. Esta fortificación formaba parella co Castelo do Príncipe, situado na Ameixenda (Cee), ao outro lado da ría. Mediante fogo cruzado permitían a defensa da enseada de Corcubión. Unha lenda local fala dunha cadea que uniría ambas fortificacións e, ao ser tensada, impediría o paso das naves inimigas.
Un feito histórico que deixou pegada en Corcubión foi a Guerra da Independencia. O porto de Corcubión, de grande seguridade e abrigo natural, foi totalmente destruído polas tropas napoleónicas durante a súa estancia na zona, ademais de polos seus aliados británicos, que tamén o someteron a un cruento bombardeo co fin último de expulsar ás tropas francesas da zona. Por este motivo o porto quedou inservible durante moitos anos.
As datas do 13 e 21 de abril de 1809 non poderán borrarse da memoria dos veciños de Corcubión e Cee, xa que os franceses arrasaron con todo o que atoparon ao seu paso, destruíndo case todos os edificios, sen contemplacións coas igrexas, nin coas persoas, deixando unha considerable cifra de baixas na escasa poboación da zona. O desánimo prende na poboación corcubionesa, cunha fonda frustración e impotencia debido a uns desoladores recordos de sangue e dor.
Na segunda metade do século XIX e principios do XX prodúcese en Corcubión un auxe económico que se amosa na construción de varios edificios modernistas. Entre estes edificios destacan a Casa Miñones o Antigo Xulgado e as edificacións burguesas que se atopan no paseo de Corcubión, á entrada da vila.