Historia de Corcubión

Corcubión, terra de sosego e bravura

A Idade Media

En canto á vila de Corcubión tal e como a coñecemos hoxe en día, as súas orixes situaríanse no Monte de San Andrés, nas proximidades da primitiva Igrexa de San Andrés da Canle, na parte alta da vila. Esta situación na zona máis alta debíase a razóns de seguridade, pois alí, afastados da primeira liña de costa, estaban máis protexidos das incursións e saqueos de piratas normandos e sarracenos. Aínda que non existen fontes documentais con anterioridade a 1438, os restos materiais que apareceron nesa zona permitiron testemuñar a existencia desta igrexa, permitindo datar o templo de San Andrés entre os séculos XII e XIII, coincidindo co período de esplendor da arte románica en Galicia.

A partir do século XIII, cando a piratería vai remitindo e o comercio exterior colle un novo pulo, irase conformando o novo núcleo de poboación, desta vez situado na beiramar, na parte baixa da vila. Chegarán tamén pescadores vascos e asturianos por considerar que esta zona era unha zona idónea para a exportación de peixe, actividade que continuará posteriormente por empresarios cataláns con factorías de salgadura e, máis tarde, tamén coas conserveiras.

Será xa a partir do século XV, coa chegada dos Condes de Altamira a Corcubión, cando a nosa vila se converta no centro da comarca fisterrá, pois a súa predilección por Corcubión para instalar aquí a súa residencia fará que Corcubión sexa o centro social e económico da zona. Testemuño disto é o Pazo dos Condes de Altamira.

Desta época destaca tamén a Igrexa de San Marcos, o templo parroquial de estilo gótico mariñeiro, pero que ten unha estrutura primitiva datada do século XIV e múltiples engadidos de épocas posteriores.