Que ver en Corcubión

Corcubión, terra de sosego e bravura

Patrimonio Cultural

Faro do Carrumeiro Chico

Patrimonio arquectónico

Tipo

baliza de sinalización

Situación

42° 54’ 28’’ Lat. N e 9° 10’ 45’’ lonx. O.

Autor

Salvador López Miño

Situación xurídica

depende da Autoridade Portuaria da Coruña

Altura do chan á luz

7,78m

Altura da luz sobre o mar

 

15,78m

Alcance da luz

11 millas (20km)

Característica distintiva

aparencia dun grupo de 2 lampos brancos cada 14 segundos

A entrada ao porto de Corcubión, como importante enclave comercial e como lugar de refuxio para os barcos en caso de temporal, víase complicada pola presenza, por un lado, das Illas Lobeira e, por outro, polos baixos do Carrumeiro Grande e do Carrumeiro Chico, o que foi motivo de non poucos naufraxios.

O primeiro balizamento desta zona de baixos foi unha boia de campá instalada en 1863. Xa que un dos perigos deste lugar eran as néboas, decídese instalar este tipo de boia que é capaz de emitir un sinal acústico para alertar aos navegantes. Pero as rompentes que se forman no baixo cos temporais fixérona desaparecer.

En 1900, o empresario e político Plácido Castro Rivas, pediu ao Ministro de Fomento que se sinalizase de novo o baixo do Carromeiro Chico debido ao aumento do número de barcos de vapor que entraban na ría para fornecerse de carbón nos seus depósitos flutuantes. O Ministerio, despois de facer os estudos correspondentes, optou por sinalizar a zona cun trípode metálico. Tratábase dunha estrutura de pezas de sección circular de aceiro macizo, apoiadas sobre cubos de formigón de fraguado rápido, incrustados mediante furados na rocha, con forma de trípode a 10m de altura coroado por unha plataforma sobre a que se instalou unha esfera, quedado esta a 11,6m sobre o nivel do mar, sendo visible, con tempo claro, a unha distancia de 11,35 millas. A súa instalación finalizouse o 1 de setembro de 1903, pero aos poucos días, a causa dun forte temporal de vento e mar, foi derrubada. O 28 de febreiro de 1904, para substituír provisionalmente o trípode instalouse un bocoi pintado de vermello, pero tamén acabou desaparecendo do lugar o 14 de abril dese mesmo ano. Posteriormente, en 1907, fondeouse unha boia cónica en 23,3m de auga para balizar de forma provisoria o Carromeiro Chico. Esta permaneceu ata a construción da baliza definitiva, sufrindo as consecuencias dos temporais, que a barreron varias veces do seu emprazamento e volveu ser fondeada novamente.

Finalmente, despois de todos os intentos para sinalizar o Carromeiro Chico, tratouse de construír unha baliza capaz de aguantar os embates dos fortes temporais da zona. O proxecto para a súa construción foi redactado polo enxeñeiro Salvador López Miño, consistente nunha torre maciza troncocónica de formigón hidráulico revestida de sillaría, de 10m de altura, coroada cun círculo de 5,58m de diámetro, sobre o que se colocaría a iluminación. O proxecto para a instalación da luz foi redactado polo enxeñeiro Rafael de la Cerda. O primeiro corpo da baliza rematouse o 12 de xaneiro de 1916 e o segundo o 24 de outubro do mesmo ano. Para a posta en funcionamento da luz houbo que esperar ata o 11 de novembro de 1917. A este punto tamén se lle coñece como “O Cemiterio dos barcos Gregos”, pois houbo numerosos naufraxios nos seus arredores, destacando os dos vapores gregos Manoussis (1920), Constantinos Pateras (1922) e Mount Parnes (1935),